A nova aposta de Innovación polo software libre inclúe a creación dun centro de referencia

venres, 7 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Entre as accións programadas pola Consellería de Innovación e o Cesga para afianzar a presenza e –o que é máis importante– o emprego da informática aberta e ceibe, unha das máis salientables é a da posta en marcha dun Centro de Referencia e Servizos que Software Libre. A creación deste departamento ou complexo, incluído nun paquete de orzamentos e proxectos do que xa falamos nesta mesma web, iría encamiñada en boa medida a reforzar o papel que até agora tiña (e terá) mancomun.org, onde grupos de usuarios e deseñadores de open source fornecen ós internautas galegos de produtos abertos e animan á colaboración.
O caso é que o centro de referencia será algo así como darlle un novo pulo e mesmo unha presenza física a este concepto libre da informática, especialmente útil para Galiza, segundo teñen sinalado todos e cada un dos implicados nel, e non só por pemitirnos máis liberdade de movementos fronte ás empresas multinacionais senón porque tamén dá máis marxe para a creación dun tecido empresarial propio e de maiores opcións de promoción do galego.
Segundo sinala Innovación, “o centro terá como misión fornecer recursos e servizos que promovan a implantación do software libre e dos estándares abertos para fomentar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico de Galiza”.
Con estas finalidades, desenvolveranse proxectos arredor de sete áreas de
actuación:
· Actuacións para a localización ao galego. Apoiaranse todas aquelas actividades destinadas a promover a localización de software libre en galego co obxectivo de manter actualizada como mínimo unha configuración de escritorio ofimático multimedia completamente funcional en galego.
· Actuacións para desenvolvemento. Reforzarase o actual repositorio de software libre e documentación en galego levando a cabo accións directas de dinamización en contornos empresariais e universitarios. Ademais impulsarase o uso das ferramentas libres máis estendidas, os mecanismos de liberación de software e as dinámicas de participación que favorezan a integración de novos membros na comunidade de desenvolvemento do software libre
· Actuacións para a implantación. Facilitarase e incrementarase a implantación de software libre e de estándares abertos con especial atención ao entorno empresarial.
· Actuacións de apoio á formación. Acometeranse accións de formación divulgativa sobre os conceptos do software libre.
· Actuacións de observación estatística. Apoiaranse os labores de observación e prospección estatística sobre estudos de software libre realizadas polas entidades e institucións galegas competentes.
· Actuacións para a difusión. Promoverase a participación e co organización de sesións de traballo con comunidades de desenvolvemento de software libre para facilitar e fomentar a integración da comunidade galega do software libre nas dinámicas de organización e produción baseadas no traballo colaborativo internacional en rede.
· Outras actuacións de soporte técnico. Fornecerase un servizo de soporte técnico de primeiro nivel como apoio á posta en marcha de iniciativas baseadas en software libre consideradas de interese.

PUBLICIDADE