A nova directiva de Videoxogo.gal reúnese co conselleiro de Cultura e o director de AGADIC
martes, 14 de xaneiro do 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o director de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, reuníronse este martes 14 de xaneiro coa nova directiva da asociación Videoxogo.gal para abordar a situación actual do sector en Galicia, o seu potencial e as diferentes accións conxuntas para impulsar o seu desenvolvemento e profesionalización. Na xuntanza participaron o novo presidente da asociación, Rubén Calles, e máis Concepción González Agulla e Miguel Ángel Areán, vogais do devandito colectivo.
Entre as medidas analizadas destacaron a nova liña de axudas mediante a que a Xunta investirá 150.000 euros en novos proxectos de videoxogos galegos, apoiando as diferentes fases do proceso que vai desde a idea ata a chegada ao mercado; as subvencións para asistencia a feiras e foros de negocio especializados ou a recente incorporación ao Sistema Galego de Centros Museísticos do Museo do Videoxogo (MUVI), creado en 2020 en Cangas (Pontevedra).
Nova directiva de Videoxogo.gal
A asociación galega de videoxogos e contados interactivos, Videoxogo.gal, comezou 2025 anunciando a renovación da súa xunta directiva co obxectivo de dar pulo ao seu crecemento e conseguir un maior impacto no sector.
A renovación da directiva formalizouse na asemblea extraordinaria da asociación celebrada o pasado 30 de decembro, na que se escolleu como presidente a Rubén Calles Lijó (Ao Norte), como vicepresidenta á localizadora de videoxogos Alba Calvo Porrúa, como tesoureira a Uxía Baños Selas (Visualhouse), como secretario a Rafael Alcalde Azpiazu (Clarcat) e Concepción González Agulla (Electronic Arts), Pablo Monroy Romero (OverPowered Team), Nacho Pintos Magdalena e Miguel Ángel Areán Míguez (Polygon-e) ocupando as catro vogalías.
Esta directiva serve de representación da natureza multidisciplinar do sector do videoxogo no que se combinan deseño, programación, guión, música, localización, dobraxe, mercadotecnia...
Videoxogo.gal continuará a traballar para mellorar a súa comunicación e consolidar unha comunidade que contribúa a un tecido industrial que facilite a creación de empresas sólidas que ofrezan empregos estábeis e de calidade nesta importante industria cultural.