A nova edición da feira Talentia Summit celebrarase en liña entre o 23 e o 27 de novembro
venres, 23 de outubro do 2020
O
Concello
de Santiago vai organizar en clave virtual a nova edición da feira
de emprego Talentia Summit 2020, a finais de novembro (do 23 ao
27) e contando con máis de mil prazas de formación. Amais, o
Goberno local fixo saber que participarán máis de 100 empresas.
Alén das sesións online, que serán o groso do programa,
convocaranse sesións híbridas emitidas por streaming para as
poucas actividades que requiran asistencia en persoa.
A
nova edición de Talentia
Summit ten como finalidade propor “unha alternativa sólida
para a reconstrución económica baseándose nos alicerces da
innovación e o talento e, á vez, xerar oportunidades que permitan
conectar o talento humano coas organizacións e entidades que actúan
como potenciais empregadoras”. Ofrecerá, ademais, formación
continua de balde para a mellora da empregabilidade da cidadanía.
O
Concello lembra que esta edición conta cos mellores precedentes,
entre eles o éxito de participación das edicións anteriores, nas
que participaron arredor de 5.000 persoas. “Nesta edición”,
engade a organización, “reunirase de novo a importantes
autoridades institucionais, a destacadas empresas, a conferenciantes
de renome, e a centos de persoas que pretenden impulsar o seu perfil
profesional ou procuran novas oportunidades laborais”.
As
persoas que se inscriban e/ou participen en Talentia Summit ‘20
poderán presentarse ante os responsábeis de recrutamento de
empresas; acreditarse mediante certificacións de competencias
dixitais ou idiomas; asistir a conferencias, obradoiros ou webinars;
e outras moitas actividades que as axudarán na mellora das súas
competencias profesionais.
Está
previsto que a principios de novembro abra o prazo para reserva de
prazas a través da web de Talentia Summit ‘20,
www.talentiasummit.com.
Datas
e prazos
A
feira celebrarase entre o 23 e o 27 de novembro e, dada a situación
sanitaria actual, presentará novidades acordes á pandemia mundial.
Será como dixemos unha edición 100% virtual. Ao longo dos meses de
outubro e novembro darase a coñecer a oferta de cursos e avanzarase
máis información das empresas participantes, os relatores e todos
os segredos que acubilla Talentia 2020.
Organización
e precedentes
Trátase
dunha iniciativa do Concello de Santiago. Parte da Axencia Local de
Colocación dentro da área de Emprego da Concellaría de Igualdade,
Desenvolvemento Económico e Turismo. Estamos, en palabras do Goberno
local, “da gran feira de emprego de Galicia”.
Talentia
Summit nace en 2018 cun obxectivo claro: inserir o talento e
dinamizar o emprego desde Santiago de Compostela. A primeira edición
foi quen de congregar a máis de 3.500 persoas. En 2019, superouse a
barreira dos 5.000 asistentes, onde se trazou unha división en canto
á oferta do evento que se manterá na presente edición, pero cun
cambio radical, derivando nun evento 100% virtual.
Talentia
Summit trata de establecer un espazo tanto para desempregados, como
para usuarios en procura activa de emprego. “Pero tamén”,
explica o Concello, “quere incluír a profesionais que pretenden
mellorar e impulsar o seu perfil profesional e académico”.
Os
asistentes poden optar a diferentes ofertas de emprego en Galicia,
realizar cursos de formación para perfeccionar e mellorar o seu
currículo, asistir a seminarios profesionais e contar co
asesoramento de mentores contrastados.