A nova película de Harry Potter tamén chegará en forma de videoxogo

luns, 4 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O mago máis popular do cine e da literatura volverá este verán ás grandes pantallas... e a moitas das pequenas, posto que a película Harry Potter e a Orde do Fénix contará con videoxogo propio que se achegará ós usuarios da meirande parte das plataformas de lecer electrónico, de xeito que as consolas portátiles (GameBoy Advance, Nintendo DS e PSP), as consolas domésticas (PS2, PS3, Xbox 360 e Nintendo Wii) e os ordenadores persoais permitirán vivir as aventuras dos máis coñecidos alumnos da escola de Hogwarts.
De tódalas versións do xogo a que está a levantar máis expectativas é a de Nintendo Wii, xa que incorpora como novidade o feito de poder lanzar feitizos valéndonos do mando da Wii, o que creará unha sensación incomparable ó do resto de plataformas, polo que as distintas adaptacións non se compararán só polas prestacións técnicas, nas que destacarán especialmente as versións para Xbox 360 e PlayStation 3, que recrean con grande calidade os escenarios do xogo.
Como xa dixemos, o modo de xogo na Wii resulta moi prometedor:


Ademais, a música do xogo xa está a ser gravada pola Orquestra Filharmónica de Londres, o que garante unha ambientación sonora de primeira división.
O xogo chegará ás tendas españolas a finais de xuño e a comezos de xullo (pois as diferentes adaptacións non sairán simultaneamente) chegando lixeiramente antes do desembarco nas salas cinematográficas.

PUBLICIDADE