A nova versión de Apalabrados inclúe partidas rápidas e optimización para iOS 7

venres, 20 de decembro do 2013 Redacción

Este xoves lanzouse oficialmente a nova versión de Apalabrados. A idea dos seus creadores con este lanzamento é converter o xogo no primeiro das súas características (xogo de palabras) optimizado para iOS 7 do AppStore. A nova entrega inclúe entre outras cousas unha funcionalidade para permitir que os usuarios poidan xogar partidas rápidas. Deste xeito, a partir da versión 2.2, os xogadores máis arriscados disporán 5 minutos por quenda para realizar xogadas, a diferenza do clásico modo de xogo no que os xogadores desafíanse a partidas con quendas de 7 días de duración.
Lembrar que Apalabrados é un xogo social e asincrónico dispoñíbel para iOS, Android, Windows Phone, Blackberry Touch, Amazon Kindle e Facebook. Ademais, podemos xogar en galego, tal e como temos sinalado dende Código Cero reflectindo o importante labor feito pola santiaguesa Cilenis.
Por outra banda, achégase en catorce linguas máis, incluída unha que nos toca ben de preto, o portugués nas súas variantes de Portugal e Brasil. Tamén está dispoñíbel en español, inglés, inglés británico, francés, holandés, alemán, italiano, catalán, sueco, éuscaro, noruegués e ruso.
O xogo vén da man de Etermax, a compañía arxentina liderada por Maximo Cavazzani, que xa é un referente en Latinoamérica no desenvolvemento de xogos sociais multiplataforma, a partir do desenvolvemento dos xogos Apalabrados, Mezcladitos, Bingo Crack e Preguntados. Nas vindeiras semanas, Etermax publicará as novas versións compatíbeis con iOS 7 do resto dos seus xogos. A versión 2.2 de Apalabrados contén novas funcionalidades que melloran a experiencia de xogo dos usuarios, como as devanditas do xogo rápido e a optimización para iOS 7 ás que cómpre engadir unhas importantes optimizacións visuais e correccións diversas de erros previos.

PUBLICIDADE