A nova web turística de Ribeira, seleccionada para o Smart City Expo World Congress

xoves, 17 de xullo do 2014 Redacción

A nova plataforma web turística de Ribeira, unha tecnoloxía inserida no ámbito das Smart City da que falamos en detalle en Código Cero dando conta do traballo despregado pola empresa galega Avansig, vén de ser seleccionada como recurso representativo das devanditas Cidades Intelixentes no evento Smart City World Congress de Barcelona. Segundo fai saber o Concello, trátase dun dos encontros internacionais máis importantes da temática das novas tecnoloxías da información, os espazos urbanos conectados e o fogar dixital. A feira celebrase entre os 18 e 20 de novembro na Fira.
A nova da participación do servizo desenvolvido por Avansig e promovido polo Concello de Ribeira foille comunicada a este último pola propia organización feiral esta mesma semana. “Antes”, sinala o Goberno local, “tivo que superar unha durísima criba con outras iniciativas”.
Segundo engaden fontes do Concello, os trazos máis característicos da plataforma turística serán amosados en detalle ao longo dunha quenda de presentación que durará algo máis dunha hora, compartida con outros tres ou catro proxectos tamén escolmados para a ocasión. A previsión é que os responsábeis de Avansig acudan ao evento xunto con representantes do Concello. Entre os puntos fortes da plataforma que presumíbelmente salientarán atópase a súa aposta por integrar diferentes tecnoloxías de última xeración co obxecto de “proporcionar unha comunicación fluída entre cidadáns, administración, turistas, comerciantes e empresarios”.
Como lembraremos, a plataforma seleccionada para participar no evento da Fira barcelonesa tira partido de varios elementos das tecnoloxías actuais de vangarda. Por un lado a Rede e as tecnoloxías móbiles e por outra banda as Tecnoloxías de Información Xeográfica. O resultado é un Visor SIX Web e dúas aplicacións móbiles (Smart Riveira e Turismo Riveira) dispoñíbeis para calquera usuario, ademais dun panel de control que permite a xestión e administración do conxunto da plataforma por parte dos técnicos do concello. E que se pode facer a través deste recurso desenvolvido por Avansig? Pois todo tipo de cousas relacionadas co ámbito das Smart Cities, informa a empresa, dende comunicar á Administración calquera tipo de incidencia a través do móbil até acceder mediante códigos QR á información de realidade aumentada dos atractivos turísticos de Ribeira, pasando por coñecermos ofertas de locais de hostalería e vindeiros eventos, consultar mapas ou reservar aloxamentos.

PUBLICIDADE