A plataforma A Sega, recoñecida na Gala do Libro Galego

luns, 22 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

A plataforma dixital A Sega, unha iniciativa de crítica literaria e divulgación, na que predomina unha clara vontade de romper con esquemas tradicionais no que a xénero, fondo e forma se refire, vén de ser recoñecida na segunda edición da Gala do Libro Galego, que se celebrou o pasado venres no Teatro Principal de Santiago e que serviu para mostrar, distinguir e visualizar a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia.
A Sega, máis polo miúdo, recibiu o o premio ao mellor proxecto literario na Rede. Tívose en conta a súa arela de xuntar crítica e divulgación e máis as oportunidades que fornece para afianzar a análise literaria feita por mulleres, dende unha óptica claramente feminista.
A plataforma A Sega naceu a comezos de 2013 co obxectivo de “amosar as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas de todo o acervo literario en lingua galega”. Na equipa de impulsoras atopábanse, nun primeiro intre, autoras como Mara Romero, Lara Rozados, Andrea Nunes Briones, María Reimóndez, Beatriz Suárez Briones e Susana Sánchez Aríns. Logo, dende aquela (ao tratarse dunha plataforma de comunicación dixital aberta) fóronse sumando máis autoras.
Esta distinción e as restantes da segunda Gala do Libro, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego 2017.
En ensaio gañou Labrego con algo de Poeta (Mercedes Queixas); en tradución Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña (adaptado ao galego por Henrique Harguindey); en literatura infantil e xuvenil a obra vencedora foi Jules Verne e a vida das mulleres pranta, de Ledicia Costas; en iniciativa bibliográfica impúxose Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial; en iniciativa cultural ou de fomento da lectura a proposta gañadora foi o Ciclo vermú entre libros, da Libraría Paz; en libro ilustrado Canta connosco, de Óscar Villán; en teatro Moito Morro Corporation (de Carlos Labraña); en xornalismo cultural Zig-zag Diario; en narrativa Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo; e en poesía O cuarto das abellas de Antía Otero.

PUBLICIDADE