A plataforma de ecommerce de Porto do Son xa está dispoñíbel en Telegram

mércores, 8 de xullo do 2020 S. P.

A plataforma de comercio electrónico do Concello de Porto Son, sonoteucomercio.gal, segue a ampliar mercado e radio de acción, co obxectivo de mitigar (incrementando usuarios, comunicación e mercados), as consecuencias económicas da COVID. Segundo informou o Goberno local no seu Facebook, a plataforma estrou presenza no servizo de mensaxes instantáneas Telegram, a principal alternativa de Whatsapp.
Con esta novidade, que amplifica a presenza de sonoteucomercio.gal nos nosos dispositivos móbiles, refórzanse os obxectivos específicos da iniciativa: achegar aos negocios sonenses un “recurso esencial na difusión de todos os bens e servizos que ofrecen”, proporcionar un escaparate integrador para o tecido empresarial, promover o consumo no ámbito local e potenciar as compras en establecementos de proximidade, seguros, de confianza e con produtos de calidade.
A plataforma iniciou este verán con medio cento empresas adheridas e de sectores moi variados: comercio, alimentación, hostalería, turismo e servizos profesionais.

PUBLICIDADE