A plataforma de xogo na nube OnLive chega a Reino Unido

xoves, 22 de setembro do 2011 Marcus Fernández

A migración de servizos á nube é cada vez máis habitual, e varias compañías queren facer o mesmo co lecer electrónico e así, ao igual que servizos como Netflix achegan películas e series de televisión mediante streaming, OnLive tamén quere facer o mesmo con videoxogos, de xeito que poden gozarse en remoto a través dun dispositivo que pode conectarse ao televisor ou mediante unha aplicación instalada no ordenador (evitando a adquisición de hardware adicional). Inicialmente este servizo só está dispoñible nunhas poucas cidades norteamericanas, pero finalmente chegou a Reino Unido cun catálogo de 150 títulos que poden xogarse ao momento no televisor, no PC ou no Mac (estando previsto que no futuro tamén poida accederse a OnLive dende tablets con Android e iOS).
A estrea británica de OnLive conta coa colaboración de BT, o que permite que os usuarios de banda larga deste operador poidan acceder 3 meses de balde a esta plataforma de xogo que permite alugar os seus títulos a prezos que parten de 1,99 libras esterlinas, así como a compra dos xogos para o seu uso ilimitado mentres estea no catálogo de OnLive.

Para usar OnLive no televisor pode empregarse un pequeno dispositivo (que inclúe un mando sen fíos) á venda por 69,99 libras esterlinas</A>

Entre as vantaxes de OnLive estaría o non ter que actualizar o ordenador nin mercar unha nova consola de videoxogos para poder gozar dos últimos xogos (pois os títulos funcionan nos servidores do servizo) e, aínda que actualmente os xogos teñan unha resolución gráfica inferior á que terían xogos instalados no PC, aseguran estar a probar resolucións de ata 4.096 x 2.048 píxeles en 3D, polo que o potencial deste tipo de solucións é inmenso, aínda que sempre dependendo da calidade das conexións á Rede que teñamos no fogar (o que dificulta a súa universalización).

PUBLICIDADE