A posible PS4 UHD non fragmentaría o mercado dos videoxogos

martes, 19 de abril do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas semanas están a facerse fortes os rumores de que Sony estaría a preparar unha versión mellorada da PlayStation 4 pensando nos televisores de ultra alta definición, que alcuman PS4.5 ou PS4K, e agora filtrouse que o proxecto interno da compañía tería por nome NEO e suporía unha actualización do procesador, a gráfica e a memoria da PS4, para permitir que os novos xogos podan verse moito mellor, pero sen provocar unha fragmentación de consolas, xa que todos os xogos de PS4 deberán lanzarse en Base Mode (o compatible con todas as máquinas) de xeito que o NEO Mode (optimizado para a nova consola) sería opcional.
As filtracións concretan que a nova PS4 pasaría de 8 núcleos Jaguar a 1,6 GHZ a 8 núcleos Jaguar a 2,1 GHz; a gráfica pasaría de 18 núcleos a 800 MHz a 36 núcleos a 911 MHz, e a memoria pasaría de 8 GB de DDR5 a 176 GB/s a 8 GB de DDR5 a 218 GB/s.
Coméntase que a NEO non sería unha substituta da PS4 estándar, senón que sería un produto paralelo, pois cómpre lembrar que os televisores de ultra alta definición están moi lonxe de ter unha presenza masiva nos fogares. Os rumores apuntan a que a data de lanzamento da NEO podería estar no mes de outubro, pero tamén sinalan que o produto non será máxico, ou sexa, que non optimizará a presentación dos vellos xogos se os seus desenvolvedores non lanzan un parche para actualizalos ao NEO Mode (algo que dificilmente pasará en títulos third party, xa que a meirande parte de estudios carecerán de incentivos para ofrecer unha actualización deste tipo de balde).

PUBLICIDADE