A recreación virtual en 3D, ao servizo dos petroglifos do Val Miñor

venres, 18 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Petroglifos do Val Miñor vistos no blog valminorarqueologico-etnografico.blogspot.com

Entre os usos máis salientables das novas ferramentas dixitais e da información figura, de xeito paradoxal, o de ser útiles para a preservación do que vén de antigo. Un exemplo disto é o que vai acontecer en breve no Val Miñor, onde diferentes centros e equipos de investigación están a unir forzas para rexistrar e conservar para as xeracións futuras o importante legado arqueolóxico da comarca. Segundo informa El Faro de Vigo, trátase entre outras cousas de empregar ferramentas de recreación virtual en 3D nos petroglifos do Val Miñor, que é moi probable que sexan os primeiros do mundo que son obxecto destas técnicas.
Detrás disto está o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), o Instituto de Cerámica de Galicia (ICG) e a Fundación ITMA (Instituto de Materiais de Asturias). O seu traballo consiste en desenvolver reconstrucións idénticas en tres dimensións, pola vía virtual, dos milenarios petroglifos da bisbarra.
O sistema que se vai empregar en breve é unha ferramenta de escaneado con láser que fará posible a construción dos moldes e asegurar así unha meirande exactitude no labor de recreación.
O resultado será unha serie de dixitalacións da nosa arte megalítica que, tal e como se ve o panorama de axudas para a conservación física e real dunha parte importante do noso legado (o que acontece co Castro de Baroña é un bo exemplo disto), semellan por desgraza máis necesarias ca nunca. Sobre todo tendo en conta que con estas tarefas se garante a súa preservación contra o paso do tempo, as posibles destrucións ou, tamén, as carencias de axudas de quen ten que achegalas. Os arquivos dixitais resultantes serán usados para futuros traballos de investigacións. O proxecto chámase Catalogación e dixitalización de petroglifos do Val Miñor e realización de modelos dos mesmos en xeopolímeros e cerámicas de arxila cocida.