A rede RECETGA do CESGA multiplica por 800 a súa capacidade
martes, 30 de abril do 2013
- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe a rede RECETGA-Nova
O
Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA),
tal e como se dixo a semana pasada na celebración da muller galega
nas TIC “o
segundo complexo das súas características máis importante a día
de hoxe en España”,
semella querer pórse en primeiro lugar da listaxe. Ao seu favor, as
múltiples renovacións das que foi obxecto ao longo das súas dúas
décadas de historia, renovacións que con maior ou menor acerto
conseguiron
mantelo en primeira liña do cálculo científico a nivel europeo.
Este 30 de abril, sen ir máis lonxe, tivo lugar unha destas
renovacións. O proceso, presentado en tódolos detalles na sede do
CESGA, vén da man da Xunta e do Goberno central, que investirán 3,4
millóns co obxectivo de multiplicar por 800 a capacidade para
compartir información da rede RECETGA (agora
RECETGA-NOVA)
do Centro de Supercomputación de Galicia.
Na
cita deste martes ante os medios estivo presente o conselleiro
de Economía, Francisco Conde, que
fixo fincapé nas
novas posibilidades que
se abren co devandito investimento
para as Universidades,
os investigadores e as empresas galegas. Conde salientou que a rede
permitirá que as nosas institucións
educativas superiores “cheguen
a centos de milleiros
de fogares de xeito
simultáneo,
abríndolles
a porta para que se incorporen a iniciativas de ensino masivo en
liña”.
Tamén
fixo saber que a Xunta
e o
Goberno investiron 3,4 millóns de euros neste proxecto, que ademais
permite conectar Galicia coa rede científica portuguesa e lle
subministra
a capacidade axeitada
para levar a cabo “ambiciosos
proxectos”.
E
engadiu: “A
iniciativa posibilitará compartir coñecemento a nivel galego e
internacional dunha maneira máis rápida, flexible fiable e
económica”.
Na
presentación tamén participou o
investigador da Universidade de Vigo David Posada, responsábel
dunha aplicación
sobre filoxenética empregada
por 40.000 usuarios de todo o mundo grazas a esta rede do
CESGA.
Posada, casualmente, tamén
fixo uso de RECETGA-NOVA
para presentar no
centro
compostelán
o seu proxecto, a través dunha vídeo conferencia de alta definición
“só
posíbel
grazas a nova infraestrutura”.
En
virtude desta
mesma tecnoloxía tamén participou na presentación o
presidente da Fundación para a Computación Científica Nacional de
Portugal, João Nuno, quen
incidiu nas
devanditas
oportunidades que se abren para a colaboración científica entre
Galicia e Portugal.
No
acto tamén se salientaron as potencialidades de externalización da
nosa capacidade tecnolóxica, investigadora e empresarial. De feito,
a rede servirá para conectar
os centros e parques tecnolóxicos galegos co resto do mundo,
poñéndose a
disposición, tamén,
das empresas que nacen no seo das propias universidades.
Sobre
RECETGA
A
Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) é unha
infraestrutura de conectividade de alta capacidade que proporciona
servizos de
comunicacións e
Internet de
alta calidade á comunidade investigadora galega.
RECETGA está destinada a
satisfacer os seguintes obxectivos: por
unha banda prover servizos
de comunicacións á comunidade académica e de investigación como
son conectividade a Internet e
entre centros, servizos sobre a rede de multicast, IPv6, VPN de nivel
2 ou 3, realización de "testbeds" dedicados a
experimentos, etc; e por
outra banda RECETGA tamén
facilita o acceso aos servizos ofertados polos propios centros de
investigación integrantes de RECETGA (como é o caso de servizos de
almacenamento, computación, e-learning e GIS do propio CESGA, a
información meteorolóxica de Meteogalicia, contidos didácticos e
de investigación de universidades galegas, etc.).
RECETGA creouse
no ano 1993 e, despois de sucesivos cambios tecnolóxicos adaptándose
ás novas tecnoloxías de transporte e transmisión, hoxe
interconecta un total de 43 centros de diferente propósito. Desde o
seu nacemento e ata a actualidade foi xestionada polo CESGA.