A segunda entrega do remake de Final Fantasy VII chegará no inverno

venres, 17 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Square Enix está a celebrar o 25 aniversario de Final Fantasy VII, aproveitando a ocasión para amosar como será Final Fantasy VII Rebirth para PlayStation 5, secuela do Final Fantasy VII Remake de 2020 (que vén de estrearse en Steam nunha edición que inclúe un episodio adicional do xogo e compatibilidade con Steam Deck).
Final Fantasy VII Rebirth será a segunda historia do remake de Final Fantasy VII, que chegará o vindeiro inverno a PlayStation 5, aínda que cómpre salientar que os desenvolvedores esforzáronse para que puidesen gozar do xogo os que non xogaran ao xogo orixinal.
O director creativo do xogo, Tetsuya Nomura, confirmou que Final Fantasy VII Rebirth será a segunda das tres entregas coas que completarán a revisión do clásico Final Fantasy VII. Pola súa banda, o produtor da serie de xogos, Yoshinori Kitase, asegura que os tres anos que lles está a levar esta entrega están xustificados, prometendo unha experiencia superior á de Final Fantasy VII Remake.

Primeiras imaxes en vídeo de Final Fantasy VII Rebirth

PUBLICIDADE