A serie infantil Argonautas contará co apoio da Xunta

venres, 6 de maio do 2022 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación na Coruña da serie infantil en imaxe real Argonautas, coprodución da empresa galega Portocabo e Clan TVE que se filmará proximamente en Galicia con financiación do fondo de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta. Trátase dun dos catro primeiros proxectos subvencionados a través deste programa, que a semana pasada abriu unha segunda convocatoria dotada con 2 millóns de euros e que, en palabras do conselleiro, “reforza a imaxe da nosa Comunidade como plató de cinema e de televisión”, ademais de ter unha importante repercusión en termos económicos e de emprego.
Román Rodríguez referiuse tamén ás estimacións sobre o impacto destas rodaxes: ademais de Argonautas, as das series Rapa, tamén de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, e a da longametraxe 13 Exorcismos, de Bambú Producciones. Segundo os primeiros datos arroxados por un estudo encargado á Universidade de Santiago de Compostela, o retorno económico directo e indirecto das catro filmacións superará os 15 millóns de euros, cifra que vén confirmar o efecto multiplicador do investimento público na industria audiovisual galega, que neste caso sumou 1,3 millóns de euros en adxudicacións. En canto á capacidade de emprego, agárdanse 230 contratacións en termos equivalentes anuais.

Retorno estimado de 2,6 millóns de euros

No caso concreto de Argonautas, o responsable de Cultura do Goberno galego explicou que se calcula un impacto económico de 2,6 millóns de euros e a creación duns 40 postos de traballo a partir da subvención de 350.000 euros por medio do devandito fondo de rodaxes.
Laxe e a cidade da Coruña son as localizacións escollidas para o novo traballo da produtora Portocabo, á que Román Rodríguez lle agradeceu publicamente a súa aposta por rodar en Galicia desde unha perspectiva nacional e internacional coa que está “conquistando as principais plataformas de distribución e facéndoo, ademais, cun claro selo galego”.
Acompañaron o concelleiro nesta presentación o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil o CEO de Portocabo e produtor executivo de Argonautas, Alfonso Blanco, e o director de contidos infantís de RTVE e Clan TVE, Yago Fandiño, ademais dos representantes dos concellos nos que se levará a cabo esta rodaxe.
Tras a repercusión de series como The Avatars e Miracle Tunes, Portocabo alíase agora con Clan TVE para regresar ao xénero coñecido internacionalmente como kids live action. Neste caso, a historia xira arredor dun grupo de cinco amigos que vive un verán diferente e cheo de perigosas aventuras ao longo dos 20 episodios da serie, de 22 minutos cada un.
Os realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez dirixirán esta proposta, para a que contan con José Rubio, Sara Gómez e Alexis Barroso a cargo dun guión que trae ao século XXI o espírito de clásicos da literatura e o cinema infantís e xuvenís, como El club de los cinco ou Los Goonies.

PUBLICIDADE