A tableta-gamepad JXD S192 funcionará con nVIDIA Tegra K1

luns, 25 de abril do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos o fabricante hongkonés JXD é coñecido polos seus dispositivos híbridos entre tablebetas e gamepads, que facilitan o xogo en mobilidade e, moi especialmente, o uso de emuladores para gozar de sistemas retro en calquera momento e lugar, pero o seu último produto vén de dar un salto en potencia e posibilidades impresionante, xa que a tableta JXD S192 está baseada na tecnoloxía nVIDIA Tegra K1 (cunha gráfica nVIDIA Kepler con 192 núcleos nVIDIA CUDA).
A JXD S192 funcionará con 2 GB de RAM, de xeito que non terá problema para mover numerosos emuladores de sistemas retro, así como algúns esixentes xogos para Android, que lucirán espectaculares na súa pantalla IPS de 7 polgadas cunha impresión de 1.920 x 1.200 píxeles, escoitándose tamén de luxo a través dos seus altofalentes (ou mediante auriculares ordinarios ou Bluetooth 4.0).
Para o control dos xogos ten aos lados da pantalla tanto a tradicional cruceta dixital como un par de sticks analóxicos e 16 botóns configurables, de xeito que pode adaptarse para a meirande parte de xogos para un control preciso. Cómpre lembrar que a tecnoloxía de nVIDIA tamén permite achegar xogos de PC a este trebello portátil, como se fai coa tableta nVIDIA SHIELD K1 (cunhas prestacións semellantes, pero sen a forma de gamepad).
Dado que estamos nun equipo que tamén pode funcionar como unha tableta con Android, non lle falta unha cámara frontal de 5 Mpíxeles capaz de gravar vídeo Full HD. Outra funcionalidade da que presume este dispositivo é da súa batería de 10.000 mAh, que permitiríalle xogar até 6 horas seguidas ou reproducir até 11 horas vídeo en streaming.
Este impresionante produto está a piques de entrar en produción, e o seu prezo de venda será de 269 dólares (239 euros).

Vello vídeo promocional da JXD S192 (algunhas especificacións modificáronse nos últimos meses)

PUBLICIDADE