A tecnoloxía galega Situm COVID-19 engade seguridade ás industrias na desescalada

martes, 26 de maio do 2020 S. P.

A firma galega Situm, impulsora do innovador sistema do mesmo nome para a localización e navegación en espazos interiores, vén de pór un importante gran de area para fortalecer a fronte innovadora de loita contra a COVID-19. E fíxoo adaptando a súa tecnoloxía para o retorno á nova normalidade empresarial e para unha necesidade que vai parella a este proceso: a necesidade de garantir a seguridade dos persoais laborais e evitar deste xeito novos rebrotes. Deste obxectivo de axudar a industria a automatizar todos os protocolos de actuación xorde Situm COVID 19.
O alicerce desta novidade radica en Situm MRM, a solución da empresa para a xestión de recursos humanos e activos móbiles mediante xeolocalización, concibida para “ter sempre localizados os efectivos humanos e as máquinas (carretillas, vehículos industriais...) e así mellorar os tempos de resposta e aumentar a rendibilidade”. Ante as novas prioridades que marcou a pandemia (a urxencia de garantir o cumprimento da distancia social de seguridade e o aforamento), a firma adaptou o seu sistema de xeoposicionamento en interiores á nova situación, dando como resultado Situm COVID 19, unha tecnoloxía que resolve “boa parte da problemática á que se enfronta o sector industrial na actualidade”.
Entre as súas características salientan as seguintes:
· Non necesita apenas infraestrutura adicada xa que aproveita as redes Wi-Fi e Bluetooth xa existentes.
· O sistema pódese implantar en apenas unha semana.
· Só é necesario dotar aos traballadores dun smartphone.
· Detecta e rastrexa por planta.
· Recibe toda a información de maneira clara e intuitiva por medio de mapas ou gráficas nunha única pantalla.
· Todos os datos recollidos durante as distintas quendas rexístranse en analíticas e estatísticas que permite un estudo pormenorizado a posteriori.
Polo que se refire ás súas aplicacións, estas son as principais:
· Control de distancia de seguridade: a solución alertará ao traballador se está en risco de incumprir a distancia mínima de seguridade.
· Control de aforamento: notificarase no caso de que haxa risco de superar o número recomendábel de persoas nun espazo, como nas zonas comúns. Para isto, emprégase a tecnoloxía geofence de Situm, que permite delimitar e analizar o uso que se fai dun lugar en concreto.
· Rastrexabilidade de empregados: todos os usuarios deixan unha pegada no sistema, de maneira que ante calquera contaxio pódese identificar de maneira rápida e efectiva ao persoal que estivese en contacto cos afectados.
· Detección automática de calquera entrada ou saída das instalacións: o que proporciona un sistema de control presencial (fichaxe) sen necesidade de establecer contacto con ningunha superficie.
· Alarmas xeolocalizadas nos puntos de desinfección: ante a obriga de que o persoal siga unhas pautas de hixiene estritas, o sistema pode enviar avisos que lembre os protocolos que deben realizar ao pasar por un determinado lugar.

PUBLICIDADE