A versión de proba de Skype 4.0 oriéntase á videoconferencia

mércores, 18 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Para mellorar as súas prestacións, Skype conta xa cunha beta da súa versión 4.0, que destaca por dar unha especial importancia á videoconferencia, mentres que as anteriores versións estaban centradas no seu uso para voz.
Segundo comentan dende a compañía, a terceira parte do uso de Skype xa é para vídeo, de aí que se viron arrastrados á modificación da interface de uso, deixando o vídeo de ser un complemento, e converténdose nunha funcionalidade básica.
O Skype 4.0 beta é así un programa informático pensado para o uso da videoconferencia dun xeito moi doado, que busca usarse a pantalla completa en vez de nunha pequena fiestra como se viña a facer ata o momento, continuando a reservar espazo para chat de texto ou compartir ficheiros.
A aplicación detecta o hardware do usuario, así como a velocidade da súa conexión á Internet para adaptarse a esas condicións durante o seu funcionamento. As comunicacións poden contar con ata 25 participantes de voz (mentres que para comunicacións de vídeo se limita a conexións entre pares). Tamén importa os contactos de Outlook, Outlook Express, Hotmail e Yahoo Mail, facilitando o contacto cos nosos coñecidos.

PUBLICIDADE