A web Libro de Pedra recibiu 32.000 visitas dende o mes de febreiro

luns, 9 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana a Consellería de Cultura fixo reconto do acacado pola web Libro de Pedra, encamiñada entre outras cousas a promover visitas virtuais á Catedral de Santiago, ao longo da súa breve andaiana. Segundo conta o departamento da Xunta, a páxina xa recibiu un total de 32.000 visitas dende a súa posta en marcha o pasado mes de febreiro. Cómpre lembrar que o sitio foi habilitado para conmemorar perante o mundo, e co mundo, os 800 anos da basílica compostelá.
A web, inserida no portal de Turgalicia, foi creada ao abeiro do proxecto europeo Loci Iacobi. Lugares de Santiago. Lieux de Saint Jacques de revitalización do Camiño en Galicia, Francia e Portugal. Un dos seus puntos fortes é, como dixemos, a posibilidade “de completar un paseo virtual pola Catedral e pola capital de Galicia cun nivel de detalle sen precedentes dende calquera punto do mundo a través de Internet”, informa a Consellería. Por certo que para chegar a estas cotas de fidelidade co espazo físico, realizáronse máis de 60.000 fotografías de alta resolución.
No desenvolvemento desta musealización virtual da Catedral de Santiago e dos lugares e monumentos que configuran o espazo xacobeo colaboraron os equipos de Ilux Visual Technologies e o Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB da Universidade da Coruña a través da Fundación da Enxeñería Civil de Galicia.

PUBLICIDADE