A web do Observatorio Atrium Linguarum da USC recibe un premio europeo polo seu labor na ensinanza de linguas
xoves, 8 de febreiro do 2007
O portal web do Observatorio Atrium Linguarum (centro galego de investigación que forma parte do Instituto de Ciencias da Educación da USC) vén de recibir un importante recoñecemento. Estamos a falar do Selo Europeo para as iniciativas innovadoras na ensinanza e a aprendizaxe das linguas 2006, premio promovido pola Comisión Europea e que até o de agora non recaera nunca nunha universidade do estado español.
O galardón, que será entregado en breve pola ministra de Educación (Mercedes Cabrera) en Madrid, constitúe un recoñecemento ó labor do Observatorio en materia de incentivar o coñecemento de linguas como canle para unha verdadeira integración europea.
A web do centro de investigación, o sitio OAL, ten a súa raizame nas comunidades virtuais e vai encamiñada a tirar proveito de tódalas vantaxes de participación de aquelas, constituíndose nunha comunidade virtual de aprendizaxe. Segundo o seu director, o mestre José Manuel Vez, a web “configura como rasgo innovador a combinación do potencial loxístico das súas ferramentas dixitais co soporte científico derivado do capital investigador dos seus membros”.