A web galega Menu.es toma partido contra a desnutrición na nenez

xoves, 4 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O servizo galego Menus.es, plataforma centrada no impulso á restauración e a hostalería a través das máis innovadoras ferramentas 2.0, anunciou este xoves 4 de outubro a posta en marcha dunha liña de axuda ás nenas e nenos dos países máis desfavorecidos. Esta vontade de traballo contra a pobreza e a desnutrición na nenez materializarase a través da campaña Restaurantes contra a Fame, iniciativa que cingue nun único proxecto solidario gastronomía e solidariedade, e todo da man de Acción contra a Fame e unha longa serie de entidades e empresas adheridas, entre as que agora se conta Menus.es.
Restaurantes conta a Fame, que ten o apoio da Federación Española de Hostalería (FEHR), vai agora pola súa terceira convocatoria, logo de ter recadado, o ano pasado, máis de 100.000 euros para os devanditos fines solidarios. De cara ao usuario, o xeito que ten de involucrarse, da man do servizo galego Menus.es, é mercando un cupón de desconto a través desta web ou nas aplicacións móbiles para Android e iPhone, un xantar ou unha cea ou ben unha fuxida de fin de semana. En base á dita iniciativa, a comida ou a fuxida converteranse en accións de axuda contra a desnutrición, xa que Menus.es doa á dita campaña o 25% da marxe que obtén por cada cupón vendido. A iniciativa está en marcha deste o pasado luns 1 de outubro e ficará aberta até o 15 de novembro. A doazón, sinalan os responsábeis de Menus.es, non supón custe algún para os clientes da plataforma nin para os establecementos que ofrecen as súas promocións.

PUBLICIDADE