A webserie Gafas e Pallaso xa superou as 30.000 reproducións en YouTube

luns, 14 de setembro do 2015 Redacción

Os dous primeiros capítulos da webserie galega Gafas e Pallaso xa suman máis de 30.000 reproducións na Rede, máis polo miúdo no YouTube. Así o reflicte a Universidade de Vigo facéndose eco de informacións fornecidas polo estudante de Publicidade e RRPP Alexandre Pita, un dos creadores desta nova e exitosa achega audiovisual de humor. Segundo engade, Gafas e Pallaso xurdiu coa idea de facer algo distinto no mundo das webseries en galego, e, sobre todo, de facer “un proxecto noso”. O proxecto, que polo de agora ten dúas entregas visíbeis, vén de man do devandito Alexandre Pita (produtor e guionista), de Perico Galbán (director e produtor) e dun equipo integrado por Duarte Galbán, Román Castaño, Denís García, Xan Raña, Xulián Sambade, Andrés Gallego e Eva Vieiras.
A serie, explican, viu a luz como idea hai preto de dous anos. Daquela, a intención era facer vídeos curtos para YouTube, “algo sinxelo de facer e rápido de gravar”. Porén, a medida que foi collendo corpo o equipo, foron chegando novas propostas e a serie medrou até ser o que é hoxe: unha webserie de éxito da que xa se agarda con expectación a chegada de novos capítulos.
A primeira das entregas chegou o pasado mes de marzo. Segundo relata Pita, “a idea é facer un total de cinco capítulos, e logo xa veremos que pasa”. Con este obxectivo, este mes de setembro teñen previsto estrear a terceira entrega. Igual cás anteriores, estará feita cos seus propios recursos. “O tema do financiamento e dos apoios nun proxecto destas características non é esencial”, recoñece este estudante, que porén recoñece “que o sector está a ser bastante solidario con nós”. Isto tamén é aplicábel ao ámbito dos recursos humanos, posto que a iniciativa xa foi apoiada nas súas rodaxes por cómicos como Berto Romero ou Dani Mateo ou por actores galegos como Miguel de Lira e Xosé Antonio Touriñán.