A xira Girl STEAM de AGASOL e AMTEGA recala en Rianxo co inicio de outubro

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.


AGASOL (Asociación Galega de empresas de Software Libre) e a axencia autonómica AMTEGA seguen estes primeiros días do outono coa súa xira de divulgación tecnolóxica nos concellos (un total de dezaoito nesta edición) destinada a fomentas novas vocacións tecnolóxicas entre a rapazada poñendo o foco nas nenas e nas mozas. Trátase da nova xira do proxecto Girl STEAM, derrubando estereotipos, que chegará con dous obradoiros á Aula de Informática do Auditorio de Rianxo, o 1 e o 2 de outubro.
O obxectivo deste proxecto é motivar as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas, para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Os contidos dos obradoiros son os que citamos de seguido, adaptados ás idades e características de cada grupo e facendo fincapé en cuestións como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo das novas ferramentas, a colaboración e traballo en equipo e as oportunidades de desenvolvemento real que abren os recursos dixitais.
-Tarxeta micro:bit: para aprender a programar de xeito doado e divertido
-Maching learning for kids: ferramenta para achegarnos á Intelixencia Artificial
-Makey Makey: kit de creación interactivo para experimentar, investigar, é ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch.
-Circuítos en papel: crearase un circuíto eléctrico co obxectivo de facer brillar un LED nun papel ou tela, incluíndo asemade diferentes sensores e actuadores e preparando o terreo para elaborar cómics, postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva...
Desenvolveranse dous talleres na ​​​​​​​Aula de Informática (Auditorio de Rianxo) cos seguintes horarios:
-Venres 1 de outubro de 17 a 20 h, para a rapazada de 8 a 11 anos
-Sábado 2 de outubro de 10.30 a 13.30 h, para a rapazada de 12 a 15 anos
As prazas son limitadas, e a inscrición de balde no correo electrónico xuventude@concelloderianxo.gal ou no teléfono 664 181 401.

PUBLICIDADE