A xira Microsoft na túa cidade bota áncoras en Compostela

xoves, 24 de novembro do 2011 Raquel Noya

No marco dunha xira que leva por nome Microsoft na túa cidade, a subsidiaria española da coñecida firma de software internacional, está a levar as súas novidades en materia de solucións de produtividade para PEMES por todo o Estado, e aterrou hoxe en Santiago de Compostela, dende onde lle presentou os seus novos servizos a empresarios de toda Galicia.
Con esta iniciativa, Microsoft pretende achegarse ás empresas de tecnoloxía e informática do país, ofrecéndolle información de utilidade sobre os seus produtos e servizos, segundo din, sempre baseados na innovación, que lle “axudarán a mellorar a súa produtividade”, indicaron.
Durante a xornada presentáronse os principais recursos que Microsoft pon en mans da súa canle de clientes, como recursos de marketing, programas especiais, campañas e formación... así como as solucións de produtividade das que presume a firma, como servizos avanzados de xestión de axendas, bases de datos, servidores, mensaxería, intranets... sen deixar de nomear as súas coñecidas suites de Office.
O Cloud Computing, tamén tivo unha importante presenza neste evento, no que a compañía mostrou un amplo abano de solucións baseadas nesta tecnoloxía con enormes vantaxes para as empresas. Neste senso, sinalaron os produtos e servizos concretos de Microsoft que evolucionaron ata aproveitar as vantaxes da nube, como o Office 365 e Office Web Apps, o Windows Intune, o Windows Server e o Windows Azure.
Microsoft proseguirá a súa xira por outras 6 cidades españolas, logo de facer parada en 12 cidades da Península e Canarias.
A vindeira cita desta xira de Microsoft será o vindeiro 29 de novembro en Madrid.

PUBLICIDADE