A zanfona protagoniza unha nova serie audiovisual dispoñíbel no Portal da Lingua

mércores, 29 de xuño do 2022 S. P.

Segue o fluxo continuo de contidos online de alta calidade relacionados coa cultura galega e impulsados ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 (Secretaría Xeral de Política Lingüística). Desta volta os contidos veñen da man de aCentral Folque e do seu Conservatorio de Música Tradicional, que veñen de subir á Rede seis vídeos musicais gravados en lugares de interese patrimonial do concello de Rianxo, sede o festival internacional Zona de Zanfona (ZdZ), Os vídeos da serie ZdZanfona para levar poñen o foco na creatividade actual xerada arredor deste histórico instrumento.
O elenco está formado por Óscar Fernández e Manu Fraguela (instrumentais de baile), Barahúnda (renovadas cantigas medievais), Ariel Ninas e Carme da Pontragha (cantos de tradición oral), David Bellas e Iván Abal (composicións contemporáneas), Begoña Riobó e Anxo Pintos (adaptacións desde a gaita), Tobie Miller (interpretacións historicistas). O equipo audiovisual está formado por Rafael Janeiro e Xavi Souto.
O festival ZdZanfona (Zona de Zanfona) desenvólvese en verán en Rianxo. Trátase, en palabras de aCentral Folque e o Concello de Rianxo, “dun certame único na Península Ibérica”.
Os vídeos da serie podemos visualizalos a través do Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

PUBLICIDADE