ADEGA presenta nova web con importantes novidades ao servizo da funcionalidade

martes, 10 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, presentou esta semana nova web, a día de hoxe xa plenamente operativa e achegando unha serie de cousas a ter moi en conta, sobre todo no que se refire á resolución das “vellas eivas” que acubilla a anterior proposta en liña, segundo nos contan os responsábeis do colectivo. Por exemplo: unha certa dispersión nos datos xerados dende tódolos eidos da organización. A idea, agora, é integrar máis e mellor toda esa información ao tempo que se pon en xogo unha meirande funcionalidade para socias e socios e para calquera usuario que se achegue á presenza en liña de ADEGA. O obxectivo, polo tanto, é de contar máis, achegar máis datos de valor, cos elementos mínimos e indispensábeis.
Outro dos puntos fundamentais da renovación foi o de fornecer unha imaxe máis atractiva e moderna. Polo que se refire ao enderezo URL, non varía e segue a ser o que todos coñecemos: adega.info. Por outra banda, poderemos acceder aos contidos do soporte antigo na barra de fondo da actual páxina, a través da ligazón á web precedente (2009-2013). Con todo e malia o bo acabado do conxunto, a nova feitura aínda está en desenvolvemento, con algunhas seccións pendentes de seren completadas, cousa que segundo ADEGA farase o máis axiña posíbel (prégase paciencia).
Estas son as melloras xerais introducidas na nova proposta, punto por punto:
-A nivel de deseño. O novo soporte dixital achega unha feitura moito máis atractiva para o usuario, visual e actualizada.
-A nivel de estrutura. Segundo nos conta ADEGA, a nova web integra toda a información relativa á actividade da comunidade de xeito ordenado, salientando na portada todos os contidos que se actualizan día a día. Á web xeral están ligados catro apartados web que corresponden á Revista Cerna, Radio Cerna, ADEGA-Cadernos e Outras publicacións. Accédese a eles a través da cabeceira da web principal. Cada un deles ten un deseño propio e contidos específicos. Na portada dáselle maior visualización ás actividades e todos os eventos organizados por ADEGA a través do slide dinámico da cabeceira. Tamén adquiren meirande presenza as novas de ADEGA difundidas desde calquera dos seus ámbitos, os programas de Radio Cerna e os vídeos. Na portada tamén se poden consultar de xeito instantáneo as pegadas de ADEGA nas redes sociais Facebook e Twitter, ao igual que os proxectos da plataforma, as súas campañas e informes de actualidade. Por certo que a barra superior da portada dá acceso a tódalas seccións da web: as que se actualizan decote e as estáticas.
-A nivel de novidades. Hai un pouco de todo: buscadores xerais e específicos; publicación de toda a listaxe de informes, alegacións e denuncias elaboradas dende ADEGA (a disposición total dos usuarios); concentración de tódolos datos dunha área temática nun mesmo apartado (co fin de evitar que nos extraviemos); posta en marcha dun apartado de campañas e doutro multimedia onde poderemos visitar por vez primeira a galería de imaxes e vídeos; habilitación de documentos modelo de denuncias ou de alegacións (amais dunha guía para levalas a cabo); acceso á Radio Cerna por streaming; posibilidade de descarga de todo o material divulgativo producido por ADEGA, etc.

PUBLICIDADE