ADICAE mostra esta semana, nunha xornada en Santiago, como protexernos dos calotes en Internet

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

Este 20 de outubro vaise celebrar na sede de ADICAE en Santiago (no número 2 da avenida de Vilagarcía) unha xornada sobre como mercar de forma segura e responsábel en Internet. A sesión, que dará comezo ás 18.00 horas, porá o foco en dotarnos de recursos para evitar caer nas redes das ciberestafas nas súas moi variadas manifestacións. Podemos inscribirnos xa a través dunha ligazón específica ou ben enviando un correo electrónico indicando nome e apelidos a santiagodecompostela@adicae.net ou chamando ao 981941397.
Segundo informa ADICAE respecto dos porqués desta xornada, o aumento das compras por Internet é unha realidade máis que afianzada na nosa actividade diaria, pero cómpre que do mesmo xeito que somos responsábeis e precavidos nas nosas operacións comerciais presenciais, cómpre selo tamén a través das novas ferramentas, e máis agora nesta tempada post-COVID de especialmente intensa actividade dixital: “España é un dos países nos que máis aumentaron as compras por Internet durante a pandemia, e non é de estrañar que cada día cheguen máis consultas á nosa asociación relacionadas cos perigos do comercio electrónico. As reclamacións e as dúbidas relacionadas con aspectos como a protección dos datos, as vías de reclamación ou as medidas de protección ante as estafas e o malware han ir en aumento desde o inicio da pandemia”, explica ADICAE, lembrando que aínda hai moitos consumidores que “carecen das ferramentas necesarias para detectar fraudes e tomar as medidas de protección necesarias para a compra por Internet”.
Por iso, a entidade decidiu organizar o seguinte en Santiago o obradoiro Comercio electrónico seguro.
O taller tratará sobre:
1º. Aspectos a ter en conta antes da compra: preparación para a compra e medidas de seguridade, identificación de tendas online de confianza, detección de calotes e configuración da Rede.
2º. Aspectos a ter en conta durante a compra: medios de pago, configuración das contas de usuario, contrasinais seguros, recuperación de contas e outras cuestións de interese.
3º. Aspectos a ter en conta despois de mercar: información sobre as garantías e os dereitos do consumidor, produtos defectuosos, datos persoais e vías de reclamación.
Esta actividade conta co apoio do Instituto Galego de Consumo e Competencia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de comercio electrónico seguro.

PUBLICIDADE