AGACA e AgroSmartGlobal ofrecen un servizo de consultoría para internacionalización dixital

martes, 15 de xuño do 2021 S. P.

O proxecto europeo AgroSmartGlobal, no que participa AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), ofrece un servizo gratuíto e personalizado de consultoría para a internacionalización dixital nos mercados de China e Estados Unidos.
Segundo informa AGACA, está dispoñíbel para calquera pequena ou mediana empresa agroalimentaria que o solicite, contactando con AGACA (escribindo a Loli Couso ao loli@agaca.coop ou chamando ao 981 58 47 83), xunto co resto de servizos do proxecto devandito, entre os que se atopan formación, inclusión de produtos en plataformas de venda en liña e comunidade virtual.
O obxectivo de AgroSmartGlobal é “o perfeccionamento da internacionalización dixital nas cooperativas a través do fortalecemento de alianzas empresariais con China e Estados Unidos e mediante a intercooperación entre as entidades participantes”. En base a isto, búscase documentar as posibilidades reais de éxito en comercio electrónico, tanto nacional como internacional, para as empresas analizadas e propoñer unha estratexia de execución realista e adaptada a cada unha delas.
A consultoría realízase en fases, comezando por un diagnóstico da madureza dixital da empresa a través dunha ferramenta específica e de vídeo-conferencias directas con cada entidade, tras o que se procederá a unha análise de mercado e de competidores para, logo, establecer recomendacións personalizadas e exemplos de servizos que a empresa pode contratar para a execución da súa estratexia tanto en B2B (de empresa a empresa) como en B2C (de empresa a consumidor).
A maiores, foi publicada a Guía de factores clave para a internacionalización dixital, de libre acceso na páxina web do proxecto.

PUBLICIDADE