AGASOL achega aos autónomos galegos unha exhaustiva guía para non perderse no eido do software libre
mércores, 18 de setembro do 2013
Os traballadores, autónomos e
empresarios galegos saben que hai un mundo de posibilidades de
programación aberta para facilitar o seu labor profesional, pero se
cadra era preciso que alguén ou algo llelo sintetizase, amosase e
simplificase. Este de divulgar e presentar a potencialidade do código
aberto é precisamente o obxectivo da Asociación Galega de Empresas
de Software Libre (AGASOL),
á hora de dar forma á Guía de Solucións
TIC en Software Libre para profesionais autónomos,
unha escolma de recursos á vez que unha folla de ruta profesional ao
servizo dos nosos traballadores por conta propia e, tamén, das
pequenas e medianas empresas e dos usuarios TIC en xeral. A guía, ao
mesmo tempo un conxunto de materiais didácticos dispoñíbel de
balde, foi presentada este mércores no Centro Demostrador TIC de
Galicia (Conxo, Santiago) polo xerente de AGASOL, Luis Alberto
Fernández.
A escolma foi posíbel grazas á
colaboración desta plataforma coa Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación de Autónomos de
Galicia, FEAGA, cuxo presidente, Francisco Javier Pérez Bello,
aproveitou a oportunidade para lembrar o traballo que cómpre facer
no camiño de acurtar as distancias do colectivo que representa coas
novas tecnoloxías da información, un camiño que sen dúbida será
máis transitábel grazas ao recurso achegado por AGASOL, e máis se
temos en conta que se trata dunha escolma de programas, servizos e
ferramentas de software libre e, polo tanto, de custes máis
asumíbeis, máis adaptábeis ás necesidades de cada quen e cun
menor número de ataduras de dependencia privativas (licenzas e
incompatibilidades e demais). Ou sexa, que estamos a falar de
recursos especialmente acaídos para os nosos autónomos e pequenos
empresarios.
O presidente de FEAGA, logo de amosar o
seu convencemento na utilidade destes produtos abertos, animou aos
profesionais galegos por conta propia a estaren en Internet. Esta
arela, por certo, xa deu froitos como por exemplo o estudo recente
presentado por AMTEGA e FEAGA no que se incidía na situación dos
autónomos galegos con respecto ás TIC e cuxos resultados non
fixeron máis que confirmar o que se intuía: que o nivel de
afianzamento das novas tecnoloxías entre os traballadores por conta
propia “é moi baixo, case ínfimo”, lembrou Pérez Bello. A
pregunta de que se pode facer para mellorar esta situación, engadiu,
sen dúbida remítenos á cuestión formativa e divulgativa, unha
cuestión asumida en boa medida pola devandita Guía
de Solucións TIC, unha
folla de ruta que “vai facilitar o día do día dos nosos
profesionais”, engadiu.
A
continuación veu a quenda de Luis Alberto Fernández, ou sexa a
presentación propiamente dita de AGASOL e máis da guía. Ao seu
xuízo, “esíxense hoxe en día, máis que nunca, ferramentas
rendíbeis e a custes asumíbeis, sinxelas e útiles, cousa que
apunta claramente ao software libre e ao seu crecemento na nosa
terra, un proceso que está a mudar para sempre a evolución das TIC
en Galicia”. E engadiu: “Co software libre fuximos da dependencia
dos grandes monopolios e das licenzas privativas, unha dependencia de
uso e máis de investimento”. Polo que respecta á guía en si
mesma, sinalou que se trata dun documento de consulta e información
sobre novas tecnoloxías de utilidade para a xestión, a
organización, a difusión e a venda en calquera negocio. Está
orientada sobre todo ao eido dos autónomos, que terana á súa
disposición de balde na web de AGASOL,
na de Mancomún e
na do Centro
Demostrador TIC (onde mentres se desenvolvía a presentación, xa
a puidemos ver habilitada). Asemade, é un documento exhaustivo de
147 páxinas nas que se tocan unha chea de puntos e áreas temáticas
de interese: ferramentas TIC, xestión no móbil, mercadotecnia,
redes sociais, comercio electrónico, presenza en Rede,
eAdministración, utilidades de LibreOffice, etc. Entre as primeiras,
as ferramentas TIC en xeral, a guía salienta recursos de uso común
como o navegador Firefox, o xestor de correos Thunderbird, a
ferramenta de tratamento de imaxes Gimp (unha boa alternativa a
Photoshop), o recurso de procesos comunicativos Pidgin, o software
SugarCRM para a xestión empresarial ou o fornecedor de informes
Jasper Reports. Asemade, na guía saliéntanse as múltiples vantaxes
do paquete ofimático LibreOffice, unha ferramenta que non ten nada
que envexar a outras que hai no mercado, tanto en rapidez como en
utilidade e compatibilidade.
A guía, fíxose saber, é o resultado dun proxecto
de colaboración definido no marco do Plan
de acción en Software Libre do ano 2013, entre o CDTIC, AGASOL e
FEAGA. O obxectivo do proxecto consistía en achegar as TIC aos
profesionais autónomos e ás PEME do país a través de ferramentas
de software libre que lles axuden a mellorar as súas principais
actividades diarias. “A colaboración con FEAGA foi fundamental
para determinar cales eran as principais necesidades do sector
obxectivo en Galicia, de maneira que AGASOL puidese centrar a guía
no tipo de solucións máis axeitadas”, informa AMTEGA.