AGESTIC comprométese a traballar pola plena vida en liña das persoas con diversidade funcional

venres, 3 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (AGESTIC) celebrou esta semana en Santiago unha xornada encamiñada a atopar recursos contra a fenda dixital que afecta ás persoas con diversidade funcional ou que pertencen a sectores sociais con risco de exclusión. O encontro, desenvolvido no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Consellería de Traballo), serviu tamén para ir máis alá da simple localización do problema: o que se pretendía, en última instancia, é que o problema desapareza e os devanditos colectivos fagan o uso máis pleno das novas ferramentas de todos os usos posibles. Obxectivo: que se sirvan delas para mellorar a súa calidade de vida.
Entre outros participantes, a xornada contou coa colaboración da secretaria xeral de Familia, Susana López, para quen a tecnoloxía non é só información, tamén representa inclusión. Ao seu xuízo, ten que conducir, por forza, cara a unha sociedade máis xusta e integrada que teña máis en conta ás persoas.
Ao longo do encontro, informa AGESTIC, tamén se puído asistir á presentación de Iriscom na nosa terra, un dispositivo desenvolvido pola Fundación Tecnoloxía Social para as persoas con diversidade funcional que non poidan mover ningunha parte do seu corpo máis que os ollos.
A ferramenta permítelles que por medio da acción dos iris, poidan manexar o rato e o computador e poidan chegar a comunicarse plenamente. Segundo sinala a organización da xornada, en Galiza xa hai varios destes dispositivos nos fogares de varias persoas con este tipo concreto de diversidade.
Na xuntanza celebrada en Compostela tamén fixo acto de presenza o propio presidente de AGESTIC, José María López Bourio, quen anunciou que será el mesmo quen dirixa as actividades de afianzamento da FTS no noso país, co obxectivo de incrementar a dispoñibilidade de instrumentos doados de empregar polos devanditos colectivos sociais e contribuír así a incrementar a súa calidade de vida. Por certo que no encontro tamén participou arreo o investigador Enrique Varela, quen aproveitou a ocasión para dar a coñecer o dispositivo Kapten, ferramenta tecnolóxica para guiar ás persoas invidentes a través de GPS e cun sistema que non precisa de pantallas. O aparello, que funciona coa voz, respóndelle ao usuario cando este lle fala (co fin de emprazalo no vieiro axeitado). Segundo se sinalou durante a xornada, FTS Galicia ten a intención de dalo a coñecer polo miúdo poñéndoo en xogo durante o Ano Xacobeo e guiando, a través do sistema, a un nutrido grupo de peregrinos ao longo do Camiño do Santiago.

PUBLICIDADE