AMD presenta «as gráficas de consumo máis avanzadas do mundo»

luns, 31 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Tras uns anos nos que nVIDIA conseguiu dominar rotundamente o mercado das tarxetas gráficas para gaming, dende AMD chegan pegando forte e ofrecen novas tarxetas de grande potencia e prezos bastante atractivos para os xogadores máis esixentes.
A nova familia de gráficas, as Radeon RX Vega, presumen de ser as máis avanzadas do mundo para o xogo en PC, ofrecéndose en tres variantes distintas (tanto con refrixeración líquida como por aire) que partirán dun prezo de 399 dólares, aínda que cómpre destacar que nalgúns mercados estas gráficas comercializaranse en equipos con procesadores AMD Ryzen, de xeito que será posible gozar dun prezo aínda máis axustado, conseguindo axustar ao máximo o prezo dun equipo capaz de correr os xogos de ordenador máis impresionantes do mellor xeito posible.
As Radeon RX Vega preséntanse como as tarxetas gráficas de consumo máis avanzadas do mercado, dobrando en rendemento á anterior arquitectura gráfica de AMD e mellorando o largo de banda da memoria até un 60% fronte a GDDR5, combinación que como resultado podería chegar aos 13,7 TFLOPS, de xeito que é máis que suficiente para os videoxogos máis esixentes e a solucións de realidade virtual.
Estas novas gráficas tamén están adaptadas ás últimas tecnoloxías de monitores, de xeito que tanto son compatibles con diferentes tecnoloxías de FreeSync como soportan HDR. As gráficas Radeon RX Vega poden soportan HDMI 4K60 e DisplayPort 1.45, de xeito que poden manexar os monitores máis avanzados e incluso poden enviar resolucións de 5K a través dun único cable.
En lote a Radeon RX Vega 56 venderase a 499 dólares, mentres que a Radio RX Vega 65 con ventilación por aire terá un prezo de 599 dólares, podendo adquirirse tamén con refrixeración líquida por 699 dólares. Nos tres casos será posible conseguir 200 dólares de desconto nun monitor curvo Samsung CF791 de 34 polgadas e 100 dólares de desconto nun procesador Ryzen 7 1800X con placa base 370X, ou sexa, que a compra dunha das novas gráficas poden acompañarse cun aforro total de 300 dólares, facendo moi atractiva a compra dun lote completo. Nalgúns mercados tamén se inclúe coas gráficas os xogos Wolfenstein II: The New Colossus e Prey (cun prezo conxunto duns 120 dólares).
De comprar as gráficas fóra de pack, o seu prezo sería de menos de 400 dólares no caso da Radeon RX Vega 56 e de 499 dólares no aso da Radeon RX Vega 64 (con refrixeración por aire en ambos casos).

Vídeo de presentación das gráficas Radeon RX Vega de AMD

PUBLICIDADE