AMTEGA e CPEIG volverán fomentar o talento da xente nova a través de Tech Kids

xoves, 17 de xuño do 2021 S. P.

A axencia AMTEGA e o CPEIG van dar prolongación ao seu traballo conxunto en materia de fomento do talento dixital da xente nova, ao abeiro do programa compartido Tech Kids, que ten tamén unha importante utilidade para formar ás novas xeracións en seguridade online e tecnoloxías disruptivas. Así o fixeron saber, na formalización da renovación do acordo, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez. Ao abeiro desta nova alianza, porase en marcha un novo programa de actividades para o fomento da sociedade dixital en 2021.
As iniciativas incluídas no convenio, enmarcado dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, xirarán arredor de cuestións como a Administración Electrónica, a cadea de bloques (blockchain) ou, como dixemos, a ciberseguridade. Tamén se inclúe a creación de espazos de networking entre profesionais TIC (Programa tres14.pm).
Tech Kids
O programa Tech Kids ten como obxectivo “identificar e desenvolver o talento dixital e fomentar o interese pola tecnoloxía e a ciencia entre a nenez e a mocidade galega”. Estruturarase arredor de tres eixos: Encontros con profesionais TIC, Mática e Ciberseguranza-Kids.
A través dos encontros con profesionais TIC, nenas e nenos desde 6 a 18 anos poderán interactuar cunha experta ou experto en temáticas relativas á elaboración de personaxes 3D, creación de videoxogos, robótica, Intelixencia Artificial, impresión 3D ou Industria 4.0, entre outras disciplinas.
A iniciativa Mática consiste na realización dun programa piloto de carácter específico para fdar forma a unha comunidade de rapazas e rapaces de 12 a 18 anos de distintas localidades, a través dun programa de xornadas online que mostre e visualice aplicacións das tecnoloxías na sociedade, referentes de mulleres do sector TIC de distintos ámbitos (empresarial, administración pública, docente) así como información e coñecemento que permita á rapazada decidir a súa futura carreira profesional.
A actuación Ciberseguranza-Kids desenvolverase a través de 12 xornadas de divulgación en modalidade online mediante charlas con tipoloxía de contacontos ou outro tipo de actividades de carácter dinámico e participativo. Esta vertente do programa está dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. Ademais, comprenderá a publicación de vídeos específicos con contido en materia de ciberseguridade para a súa difusión permanente.
Estas tres actuacións tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola AMTEGA para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.
O convenio contempla tamén formación para o desenvolvemento das potencialidades dos traballadores dos sectores tecnolóxico e das administracións así como formación específica dirixida aos axentes da Rede CeMIT No marco destas xornadas formativas, cabe salientar a formación en blockchain, dirixida a un publico técnico e profesional. Ademais, a formación en ciberseguridade, enmarcada tamén no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, permitirá crear novos recursos formativos e impartir cursos formativos sobre ciberseguridade dirixidos aos axentes das aulas CeMIT.
Outra das novidades deste convenio céntrase na creación de espazos de debate, opinión, coñecemento e networking para profesionais do ámbito das novas tecnoloxías, convidando a expertos/as en distintas materias para que realicen unha exposición sobre a materia e un coloquio posterior.
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para a comunidade de colexiados, profesionais, organismos e empresas do sector dixital galego, en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.

PUBLICIDADE