A AMTEGA e o CPETIG incentivan vocacións tecnolóxicas entre as nenas e impulsan a tecnoloxía no rural

mércores, 4 de setembro do 2024 S. P.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu este mércores 4 de setembro a benvida ás alumnas e alumnos do obradoiro Girl STEAM da aula CeMIT de Guitiriz organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). Miguel Corgos sinalou que o obxectivo desta iniciativa “é dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e incentivar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas”.
O conselleiro, que estivo acompañado do director da AMTEGA, Julián Cerviño, e do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o papel desta iniciativa para superar a fenda de xénero no sector TIC e puxo en valor outras iniciativas que se canalizan a través das aulas CeMIT, rede creada en colaboración coa FEGAMP con presenza nun centenar de concellos dende a que se ofrece formación e asesoramento gratuítos a todos os galegos e galegas, pero poñendo o foco, sobre todo, nos colectivos que teñen máis atrancos para acceder á tecnoloxía.
Contidos dos obradoiros Girl STEAM
O ciclo de obradoiros Girl STEAM está celebrándose en 18 aulas CeMIT de toda Galicia desde o pasado mes de xullo, dirixido a escolares de 8 a 15 anos cun aforo máximo de 15 persoas por quenda e teñen un carácter práctico e presencial. Cada un dos concellos participantes na iniciativa conta con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para nenas de 8-11 anos e outra para rapazas de idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos.
Nos obradoiros achégase ao alumnado ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programábeis de aprendizaxe. Aprenden a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballan en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continúan a traballar coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais de reciclaxe, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Apoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.
O conselleiro de Facenda e Administración pública concluíu a súa intervención confirmando que o vindeiro ano impulsarase desde a Xunta unha nova edición destas xornadas Girl STEAM.