AMY recupera a esencia dos survival horror

mércores, 11 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos anos o xénero dos survival horror achegouse moito aos shooters, pero de cando en vez aparece algún título que recupera a esencia de terror e supervivencia, como AMY, videoxogo desenvolvido por Vector Cell e Lexis Numérique que vén de chegar a Xbox LIVE por 800 puntos (9,6 euros) e á PlayStation Network por 9,99 euros, de xeito que os usuarios das consolas domésticas de alta definición poderán gozar do mesmo sen ter que pasar por unha tenda física de videoxogos, o que sorprende para un xogo deste tipo.
Esta aventura sitúanos nunha cidade norteamericana ficticia no ano 2035, onde un virus converteu aos habitantes en infectados de distintos tipos, como o personaxe protagonista, Lana, que debe atravesar a poboación para chegar a un hospital no que se refuxiaron os sobreviventes escoltando a Amy, unha nena autista á que hai que protexer, tanto dos inimigos que xorden polo camiño como da infección que a afecta, instando a progresar rapidamente no xogo para evitar a morte. Tamén será posible retrasar a infección con inxeccións e máscaras de gas, ou evitando certas zonas que acelerarán a progresión do virus.
Non podemos esquecer que como bo survival, en AMY debe evitarse dentro do posible o enfrontamento directo cos inimigos, empregando distintos recursos para agocharse e aproveitando o reducido armamento (normalmente obxectos como bastóns e pancas, que terán unha duración limitada).
O xogo incluso aproveita a vibración do mando da consola para facernos sentir as pulsacións de Amy, o que axudará para detectar a presenza de infectados nas proximidades. Tamén conta cuns gráficos moi coidados, especialmente para estarmos ante un título descargable que os amantes do xénero non dubidarán en marcar como imprescindible.


Trailer de lanzamento de AMY

JPEG - 60.2 KB
Lana deberá esforzarse para protexer a Amy no xogo
JPEG - 67.3 KB
Lana deberá loitar contra a infección do seu corpo mediante distintos métodos (como con inxeccións)
JPEG - 77.6 KB
O armamento para protexerse será moi limitado

PUBLICIDADE