APB terá publicidade sonora no seu chat de voz

luns, 28 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Falta pouco para o lanzamento do xogo masivo en liña All Points Bulletin (APB) e vanse coñecendo cada vez máis detalles sobre o mesmo, entre as que sorprendeu a posibilidade de contratar VOIP Premium, unha opción que eliminaría a publicidade no chat de voz do xogo, ou sexa, que os usuario que non paguen deberán aturar a aparición de anuncios sonoros mentres falan cos seus compañeiros de equipo, cunha fórmula que lembra ao servizo de streaming musical Spotify.
Os usuarios do xogo tamén poderán empregar os RTW points (moeda virtual que pode adquirirse con cartos reais) para personalizar os personaxes ou mercar tempo de xogo. De feito, APB chegará ás tendas a un prezo de 49,99 euros que incluirán 50 horas de xogo de acción (nos distritos sociais do xogo non correrá o tempo) e será posible adquirir paquetes de 20 horas de xogo por 6,29 euros ou unha subscrición mensual ilimitada por 8,99 euros (con descontos ao contratar maiores períodos de tempo).

PUBLICIDADE