APD e Avante Medios mostrarán en Santiago como coller as rendas da mercadotecnia móbil

luns, 6 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este martes 7 vaise falar en Compostela dos recursos máis útiles que accesíbeis que temos ao noso alcance para que a nosa empresa luza máis e mellor nos buscadores e nos diferentes servizos de información e comunicación da Internet. Estamos a falar da xornada Marketing móbil: como posicionarte no mercado da maneira máis eficaz, que se celebra en Santiago (Hotel Oca Porta do Camiño) da man da APD (Asociación para o Progreso da Dirección) e Avante Medios e coa colaboración do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). Podemos ver o programa da xornada en formato PDF na páxina web de APD.
A cita quere poñer o foco na importancia da tecnoloxía móbil nas nosas vidas e nas oportunidades (moitas, variadas e relevantes) que se derivan da súa importante taxa de penetración na sociedade: preto de 30 millóns de persoas só en España. Segundo explican dende APD, “a tecnoloxía móbil xa mudou o noso xeito de relacionarnos coas marcas que, á súa vez, enfróntanse ao gran desafío de integrar de maneira acertada as diferentes canles de distribución co obxectivo de optimizar a experiencia do cliente”. Neste contexto, a organización da xornada compostelá botará luz sobre temas moi relacionados co devandito, como as novas ferramentas da mercadotecnia móbil, a integración en off, o novo perfil do usuario ou as estratexias desenvolvidas por empresarios de éxito.
A xornada será inaugurada ás 11.35 por José Luis Cabarcos, director en Galicia de APD, e Alfonso Boullosa, director noroeste de Avante Medios. Logo intervirán Jesús Suso (director executivo de Avante Medios), José Rodríguez (director de Marketing Online de Avante), Belén Rey (directora de Comunicación e Marketing Corporativo do Grupo Inveravante), Marcelo Toural (director de Krack Zapaterías), Melisa Pagliaro (adxunta á dirección de Marketing de Gadisa), Alejandro Álvarez (director financeiro de Cafés Candelas) e Irantzu Díaz (store manager de Ikea Group).

PUBLICIDADE