ARC Raiders supera os 12 millóns de copias vendidas

martes, 13 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Parece que foi onte cando Embark Studios lanzou o seu agardado xogo de extracción ARC Raiders, con versións para consolas e PC, que tivo o bo detalle de estrearse cun prezo moderado (39,99 euros na súa edición estándar), o que de seguro que tivo o seu impacto no seu éxito inicial, xa que rapidamente conseguiu superar os 700.000 xogadores simultáneos, consolidándose como un dos xogos máis populares en Steam, podendo gañarse un espazo xunto a títulos que levan máis dunha década liderando a plataforma como son Counter-Strike 2 e Dota 2.
A boa acollida de ARC Raiders tamén lle valeu un Premio Steam 2025 na categoría de Xogabilidade Máis Innovadora, o que non se rifa cunha boa resposta comercial, xa que os seus responsables, ao dar conta do lanzamento da súa actualización 1.11.0, confirman que ARC Raiders vendeu 12 millóns de copias, superando as súas previsións, pois tiñan pensado lanzar un agasallo para despois das vacacións de Nadal co que celebrar os 10 millóns de copias, e superaron sobradamente tal cantidade.
Deste xeito ARC Raiders podería converterse en todo un exemplo a seguir, xa que o seu carácter innovador e o feito de non lanzarse a prezo completo, permitiulle chegar a un grande público, algo que inicialmente tiñan previsto facer baixo a fórmula do free-to-play, o que finalmente non sucedeu por fortuna para eles, conseguindo converter nun éxito histórico un título que doutro xeito podería quedar nun simple xogo máis que gozar sen pasar por caixa.