ARCHOS anuncia un tablet para a cociña

luns, 13 de maio do 2013 Marcus Fernández

ARCHOS sorprende hoxe anunciando un novo tablet con pantalla de 9,7 polgadas e sistema operativo Android 4.1 que porá á venda en xuño a un prezo de 179 euros e que destaca por estar orientado ao seu uso como axundante de cociña. O ARCHOS ChefPad funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,6 GHz, cámaras frontal e traseira de 2 Mpíxeles, reprodución de vídeo en alta definición, acceso ao catálogo de aplicacións de Google Play incluíndo de balde unha Selección de Aplicacións Chef, coas melloras apps de cociña con receitas, consellos e vídeos que poden axudar a cociñar. Dende ARCHOS entran así na selección de aplicacións personalizada, o que teñen pensado aplicar a outros ámbitos (por exemplo, permitindo adaptar dispositivos para cativos).
O ARCHOS ChefPad está protexido por unha funda de silicona que o manterá a salvo de salpicaduras de auga ou alimentos (doada de limpar), incluíndo tamén un soporte axustable para poder colocar o dispositivo con cómodo ángulo de visión mentres se cociña.
Venderase con 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, e aínda que orienten esta solución a un público moi concreto, o tablet é totalmente válido para os habituais usos de lecer doméstico.

O novo tablet de ARCHOS ten unha pantalla de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles e funciona con Android 4.1

PUBLICIDADE