ARVI participa nun proxecto europeo que aplica Realidade Virtual á prevención de emerxencias no mar
luns, 20 de xuño do 2022
O
proxecto Erasmus+ chamado Realidade virtual para emerxencias
marítimas, co acrónimo VR-ME, posto en marcha en 2019 por seis
expertos provedores de educación e formación profesional, así como
representantes da industria pesqueira europea, foi obxecto dunha
xuntanza de traballo a semana pasada, na que se avaliaron os froitos
acadados durante 30 meses de actividade, tarefas en boa medida
focalizadas en desenvolver un programa de formación e un simulador
de Realidade Virtual para emerxencias marítimas a bordo dun buque
pesqueiro. Emerxencias como por exemplo incendios, o abandono do
barco, colisións, caídas de persoas á auga, inundacións ou
fracaso nas manobras.
A
iniciativa VR-ME conta coa implicación directa de ARVI, Cooperativa
de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (SP), que é o principal grupo
de armadores de España e un dos máis importantes da Unión Europea.
Neste proxecto achega a súa experiencia en servizos de formación e
máis en prevención de riscos laborais.
“Tales
emerxencias son situacións de tensións nas que a tripulación debe
seguir directrices e procedementos específicos para garantir a súa
seguridade. Para conseguir este fin, este innovador proxecto
proporciona un complemento á formación en materia de emerxencias
para profesionais do sector da pesca a partir da utilización de
realidade virtual como ferramenta pioneira na industria pesqueira”,
sinalaron os responsábeis do proxecto cuxos socios proveñen de
Francia, Galicia (España), Holanda, Bélxica e Grecia. O consorcio
está formado por, IMP, o solicitante, SGS Tecnos, SQ Learn, ARVI,
Europêche, e PFA.
Durante
o desenvolvemento do proxecto realizáronse cinco reunións
transnacionais e desenvolvéronse diferentes tarefas en entre as que
se atopan as seguintes:
1.
Análise dos accidentes marítimos con consecuencias graves nos
seguintes países: España, Bélxica, Holanda e Francia, esta
baseábase en determinar as emerxencias marítimas máis comúns
segundo o país e o tipo de buque pesqueiro, así como tamén a nivel
europeo.
2.
Identificación de riscos marítimos e medidas preventivas en buques
pesqueiros de España, Bélxica, Holanda e Francia.
3.
Desenvolvemento de procedementos para liquidar cada unha das
emerxencias seguintes:
a.
abandono do buque;
b.
inundación/vía de auga;
c.
incendio;
d.
home á auga;
e.
fallo de máquinas;
f.
colisión/abordaxe.
Así
como recompilación de toda a normativa que a nivel europeo afecta a
estas emerxencias.
4. A
partir das emerxencias e os procedementos identificados nas fases
anteriores, os socios do proxecto adaptaron os procedementos de
emerxencia a un storyboard para ser utilizados no
desenvolvemento da contorna de RV (Realidade Virtual) onde o usuario
poida moverse dentro dun buque pesqueiro, facendo fronte a varios
escenarios de risco.
5.
Posteriormente seleccionáronse as emerxencias que se adaptaron ao
simulador en función da probabilidade de que ocorran, a gravidade e
a adaptabilidade a unha contorna de aprendizaxe simulada: abandono do
buque, incendio, home á auga.
6.
Para que os socios do proxecto puidesen complementar e mellorar o
simulador, levaron a cabo varias probas piloto cos futuros usuarios
do curso de formación naqueles países europeos aos que pertence o
consorcio. Desta maneira púidose coñecer a súa opinión, producir
o manual para utilizar correctamente o programa informático e
perfeccionar o simulador co programa de formación.
7.
Actualmente estanse desenvolvendo diferentes xornadas de difusión
nos diferentes países dos socios participantes para dar a coñecer o
proxecto. En Galicia realizáronse dúas xornadas de difusión os
días 27 de maio e 17 de xuño na que asistiron en maior medida
mandos de buques pesqueiros e puideron coñecer de primeira man o
conxunto deste innovador proxecto. Finalmente, no mes de xullo
presentarase no Parlamento Europeo, ao obxecto de que a súa difusión
sexa o mais ampla posíbel no ámbito do continente.