Abanca achegará aos clientes o pago co móbil de Samsung Pay

martes, 8 de marzo do 2016 Redacción

JPEG - 147.8 KB
Eduardo Aldao, director de Innovación de Abanca (á esquerda) deu conta do proceso de integración de Samsung Pay na súa empresa durante unha presentación na Coruña

Abanca vén de emprazarse á vangarda das entidades financeiras estatais en materia de servizos bancarios e mobilidade para os clientes. De feito, segundo fan saber fontes da entidade galega, situarase as vindeiras semanas no innovador grupo de compañías bancarias que permitirá aos seus usuarios facer operacións de pago polo móbil a través do servizo Samsung Pay. Esta incorporación, posíbel grazas a un intenso traballo conxunto a carón de Samsung (co obxectivo de desenvolver a integración do servizo no mercado estatal), permitirá “realizar compras desde o móbil de maneira segura e sinxela en calquera establecemento comercial no que se poida utilizar unha tarxeta de débito ou crédito contactless”, sinala Abanca.
Por certo que para tirarlle partido a Samsung Pay, os clientes só terán que dar de alta as tarxetas de Abanca, sexan de débito ou de crédito, nos dispositivos Samsung compatíbeis para realizar os seus pagos. O acordo Samsung-Abanca insírese, en palabras da entidade galega, na súa estratexia por avanzar no desenvolvemento dun modelo de banca máis dixital e multicanle. “Esta estratexia forma parte do proxecto Abanca Dixital, unha iniciativa coa que queremos axilizar os procesos para ofrecer ao cliente un servizo omnicanle, innovador, con altos niveis de calidade e coa posibilidade de contratar produtos e servizos sen necesidade de acudir á oficina”, sinala o director de Innovación da banca galega, Eduardo Aldao.

Funcionamento

Unha vez que o cliente engade a súa tarxeta de Abanca na aplicación, desprégase a aplicación Samsung Pay, elíxese a tarxeta de pago desexada e identifícase co sensor de pegada dactilar para autorizar o pago. O dispositivo móbil conéctase cos terminais de punto de venda (TPV) o que permite realizar, segundo lembra a entidade galega, “unha compra rápida, segura e sinxela”. Abanca tamén recorda que os usuarios contará, tamén, “con todas as garantías de seguridade das tarxetas da entidade financeira”. En virtude dos tres niveles de seguridade (tokenización dixital, lector de impresións dixitais e Samsung KNOX), os datos transmítense “sempre” de forma segura, explícase, engadindo que cando se realice un pago polo móbil, “sexa cal sexa o importe”, o cliente recibe unha notificación avisando de que se efectuou a operación.
Abanca tamén lembra que Samsung Pay é “practicamente universal”, dado que funciona en máis do 70% dos comercios en España que xa operan coa tecnoloxía contactless. No mercado estatal Samsung Pay é compatíbel cos dispositivos intelixentes Samsung Galaxy S7, Samsung Galaxy S7 edge, Samsung Galaxy S6, Samsung Galaxy S6 edge, Samsung Galaxy S6 edge+ e Samsung Galaxy A5 (2016).

PUBLICIDADE