Aberto o prazo de inscrición dos cursos en liña preparatorios para a obtención do Celga 1

venres, 2 de marzo do 2012 Raquel Noya

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da súa entidade dependente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de abrir hoxe o prazo de inscrición dunha nova edición de cursos en liña específicos para preparar o Celga 1, é dicir, as probas de acreditación do coñecemento de lingua galega, que confirman o dominio básico do idioma por parte da persoa acreditada.
Esta oferta formativa a distancia é de balde, e inclúe tres cursos preparatorios do nivel Celga 1, de 50 prazas cada un, que se desenvolverán ao longo de 10 semanas repartidas entre o 26 de marzo e o 1 de xuño.
A Consellaría beneficia con esta aposta tecnolóxica ás persoas que non teñen dispoñibilidade de tempo para acceder aos cursos presenciais, así como a aquelas de fora do país interesadas en aprender a nosa lingua e acreditar o seu dominio.
O curso está artellado en 10 unidades didácticas correspondentes a cadansúa área temática comunicativa, e inclúe un total de 50 actividades interactivas que aproveitan a tecnoloxía multimedia para un mellor aproveitamento do traballo do usuario dende o fogar.
Esta oferta formativa de cursos en liña complementa a oferta de formación presencial en lingua galega para persoas adultas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o 2012, que inclúe os cursos preparatorios presenciais para as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 a realizar en distintos concellos galegos e nas escolas oficiais de idiomas entre os meses de marzo, abril, maio e xuño.
O prazo de inscrición para os cursos estará aberto ata o vindeiro 14 de marzo e as persoas interesadas en matricularse deberán enviar un correo electrónico a sxpl.formacion@xunta.es no que figuren o seu nome e apelidos, o DNI, o enderezo electrónico e teléfono de contacto, o lugar de residencia e o nivel de estudos.
A selección realizarase por rigorosa orde de solicitude ata cubrir as 150 prazas dispoñibles para os tres cursos. Toda a información está xa dispoñible na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As probas de acreditación do coñecemento de lingua galega básico ou Celga 1, terán lugar o día 10 de xuño en diferentes cidades de Galicia, así como en Barcelona, Madrid e Ponferrada. O prazo de inscrición nas probas está aberto ata o día 3 de abril.

PUBLICIDADE