Aberto o prazo para participar nos obradoiros do Día da AMTIC en Ames

luns, 5 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

O departamento de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación do Concello de Ames organiza para este sábado, día 10 de decembro, o evento tecnolóxico Día da AMTIC, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro con motivo do Día Mundial da Informática, que se conmemora o 9 de decembro.
Por unha parte, haberá obradoiros informáticos que darán comezo ás 11:00 horas cun taller de Administración Electrónica, que versará sobre os certificados electrónicos e como usalos, e que estará especialmente enfocado na sede electrónica do Concello de Ames. Ademais, de 12:30 a 13:30 e de 18:00 a 19:00 horas terán lugar dous obradoiros de impresión 3D e, na mesma liña, de 16:30 a 17:30 horas haberá un taller sobre o programa de edición de imaxes GIMP.
O prazo para inscribirse nestas actividades do Día da AMTIC en Milladoiro xa está aberto, para facelo é necesario indicar o taller ao que se quere asistir, nome, apelidos e un número de teléfono de contacto por correo electrónico. Para participar no torneo de FIFA, o enderezo é amesenxogo@gmail.com.
Por outra parte, haberá espazos abertos de actividades permanentes instalados de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O evento contará cun taller de hama beads e outro de creación de espadas láser. Así mesmo, no vestíbulo terá lugar a actividade Xogando con Nintendo Switch, no que os asistentes poderán desfrutar desta consola.
Por último, o doutor José Luis Montiel Castaño impartirá unha charla denominada Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo me arruíne, que porá o foco na ludopatía como consecuencia do consumo excesivo de aparellos de ocio tecnolóxico. Para as actividades permanentes e a charla non é necesaria inscrición previa, a entrada é libre ata completar aforo.

PUBLICIDADE