Acer anuncia un smartphone capaz de gravar vídeo a 4K

luns, 2 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Acer vai amosar esta semana na IFA de Berlín o seu novo tabletófono Liquid S2, que aparte de gozar dunha pantalla IPS Full HD de 6 polgadas, conectividade LTE e Wi-Fi AC, presumde de ser o primeiro smartphone capaz de gravar vídeo a 4K (ultra alta definición).
Este impresionante móbil funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,2 GHz (preciso para poder procesar o vídeo en 4K) e a súa cámara tamén pode disparar fotografías de 13 Mpíxeles, facer panorámicas de 27 Mpíxeles e gravar vídeo a cámara lenta (4x). A súa cámara frontal tamén destaca por ser de 2 Mpíxeles, ter un grande angular de 88 graos, gozar dun sensor BSI para poder funcionar con pouca luz e ser incluso capaz de gravar vídeo a 1.080p.
O Acer Liquid S2 incorporará 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, GPS+GLONASS, NFC, Bluetooth 4.0, batería de 3.300 mAh e Android 4.2.2. Pese a vir tan ben equipado, o seu grosor será de só 8,99 milímetros e chegará ás tendas a finais de outubro a un prezo por determinar.

PUBLICIDADE