Activision faise co estudio barcelonés Digital Legends

venres, 29 de outubro do 2021 Marcus Fernández

JPEG - 172.7 KB
Parte do equipo de Digital Legends nun Entroido previo á pandemia

Activision anunciou a adquisición do estudio de videoxogos móbiles barcelonés Digital Legends, responsables de títulos como Respawnables, o que supón un grande salto para este estudio independente, que agora pasará a traballar no desenvolvemento dun novo xogo sen anunciar da franquía de Call of Duty.
O director xeral e fundador de Digital Legends, Xavier Carrillo Costa, asegura que «a incorporación do noso equipo con anos de pericia en títulos móbiles de alta calidade, composto por veteranos da industria e talentos emerxentes fornecerá a cada vez maior canteira de talento de Activision. Estamos moi entusiasmados pola oportunidade de traballar nunha das franquías máis grandes do mundo».
Co anuncio da operación de compra tamén desvelan que Digital Legends xa está integrada na organización de desenvolvemento móbil de Activision dende hai meses, e destaca que están a traballar nun novo xogo de Call of Duty encabezado polo estudio interno Solid State e no que tamén participan Beenox e Activision Shanghai.

PUBLICIDADE