Adebate.net quere achegar os políticos aos seus votantes

mércores, 13 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Durante a pasada campaña electoral o foro galego aberto baixo o dominio adebate.net pretendeu servir de punto de encontro para lanzar preguntas aos políticos seguindo unha fórmula semellante á do programa televisivo Tengo una pregunta para vd… de xeito que pretendía así reducir a separación entre a clase política e a sociedade permitindo un certo contacto entre os políticos e os seus votantes.
Coma esta plataforma de publicación de preguntas está baseada na web, as cuestións expostas non son efémeras, de xeito que quedan rexistradas para que os cidadáns poidan consultalas e comentalas, chegando a recoller máis dun 100 de preguntas para os políticos (que continúan abertas ao debate, así como á consulta por parte dos seus destinatarios).
Pero aparte das preguntas aos políticos, tamén contan cunha sección de propostas a debate, na que buscan recoller ideas ou peticións, principalmente en tempo de eleccións, que está relativamente preto en Galicia. Deste xeito, canto máis nos aproximamos á data dos vindeiros comicios, máis peso gaña esta ferramenta que permite o intercambio de ideas, o debate, a recollida de propostas… aínda que agora lles falta acadar o seu obxectivo principal: conseguir a implicación dos partidos, para que sexan conscientes das opinións dos seus votantes para obrar en consecuencia.

PUBLICIDADE