Adiantan numerosos detalles sobre a nova PSP Go

luns, 1 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Este martes Sony dará a súa rolda de prensa durante a feira de videoxogos E3, pero un dos seus anuncios máis importantes filtrouse a pasada fin de semana á web, confirmando os rumores que levaban meses circulando pola Rede: unha nova PSP sen unidade UMD.
A filtración foi o máis semellante a un anuncio oficial que vimos en moito tempo, pois a PSP Go deuse a coñecer no último episodio de Qore, un podcast de vídeo protagonizado por Veronica Velmont no que a reporteira entrevista a John Koller, director de comercialización de hardware da división de xogos de Sony nos EE.UU., sobre a nova consola portátil, que conserva características da actual PSP-3000 coma o Wi-Fi e a pantalla de 3,8 polgadas, mentres que prescinde da unidade UMD a favor de 16 Gb de almacenamento interno, cambia a tarxeta Memory Stick Duo por unha Memory Stick Micro, soportará Bluetooth (posiblemente compatible con A2DP para utilizar auriculares sen fíos) e os seus controis están situados nunha parte deslizante, o que permite reducir o tamaño da PSP Go durante o seu transporte (que tería un volume comparable a un terminal coma o iPhone). O seu peso tamén veríase reducido nun 43% ata só 108 gramos (o que aínda é máis destacable se o comparamos coa PSP orixinal, que pesaba 280 gramos).
A PSP Go non substituirá ás actuais PSP que hai no mercado, seguindo así os pasos da Nintendo DSi, pois estamos ante unha consola pensada na compra de xogos mediante descarga en vez de en soportes físicos, e a súa tenda en liña estrearase con títulos coma Gran Turismo, un novo Metal Gear e Jak & Daxter: The Lost Frontier.
Agárdase unha integración coa PlayStation 3 como xa fan as últimas PSP, e tamén soporte completo da PlayStation Network, de xeito que permitiría a compra e aluguer de películas e series de televisión.
Agárdase que a nova consola chegue ás tendas no outono.

Comparación de tamaño entre a PSP-3000, a PSP Go e o iPhone


Veronica Velmont falando con John Koller sobre a nova PSP Go

PUBLICIDADE