Adzarus.es: web de venda en liña libre de comisións e tarifas de publicación

martes, 24 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

É posíbel vender na Rede sen gastar un can de comisión por permitírsenos esa venda? A resposta soe ser case nunca. Canto maior sexa o escaparate en liña onde poñamos produtos para comercializar, maior será o que nos cobren. E se optamos por un escaparate pequeno, onde non se nos cobra nada, é moi posíbel que tampouco vendamos ren. Esta enleada, segundo contan dende Catalunya os creadores do servizo Adzarus.es, está a piques de rematar. Ou sexa, din, que vai ser posible lograr visibilidade e vender e, ademais, facelo de balde. Nesta web, ao parecer, nin hai intermediarios nin comisións por vendas nin tarifas de publicación e de posicionamento do anuncio na Web.
Ademais, engaden, particulares e pequenos negocios poderán crear a súa propia microtenda en liña na mesma web coa súa propia URL. A idea, un pouco, responde a este movemento alternativo e xeneralizado de empresas que buscan facer compatíbel o negocio coa busca de solucións contra a crise, todo cun aquel de compromiso e solidariedade. “Abrir unha tenda en liña resulta un coste alto de máis e un proceso moi complexo”, comentan dende Adzarus.es, “e sobre todo cando se trata dun pequeno negocio ou un particular”. A aposta desta web é a de favorecer a venda persoal, cara a cara e sen mediadores. “Para facelo posíbel”, explican, “cada vendedor ten un enderezo web propio dentro da plataforma, onde pode incluír toda a información que desexe e anunciar tódolos produtos que queira vender sen límite de artigos; isto supón que os potenciais clientes poderán chegar ao espazo de vendas de maneira directa, sen que sexa preciso pasar por outros sitios que non interesan”.
Vendedores e compradores atópanse en Adzarus.es e escollen o xeito en que queren facer a súa transacción, xa sexa por PayPal, en metálico, contra reembolso ou facendo o ingreso de maneira directo na conta do vendedor. Adzarus.es está proxectado, ademais, para que poida ser empregado por calquera que non teña coñecementos básicos de informática. Na web calquera pode crear a súa microtenda a un custe de 0 euros e en só tres minutos, informan os seus creadores. A xuízo destes, estamos ante un exemplo clarísimo de comercio en liña 3.0.

PUBLICIDADE