Aerocamaras mostra na Sexta como combater con drons as pragas nas árbores

martes, 30 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Aerocamaras vén de ser protagonista, novamente, dun programa punteiro de TV. Se hai uns días falamos das súas contribucións a Volando Voy de Jesús Calleja, desta volta foi o espazo Equipo de Investigación (La Sexta) que comanda Gloria Serra e que reflectiu as innovacións da firma ourensá en materia de vehículos aéreos non tripulados, vixilancia e seguimento. En concreto, no programa do 26 de abril incluíuse o servizo que Aerocamaras ofrece para loitar dende o aire contra as pragas de fungos que afectan en España ás masas arbóreas: drons e programas de monitoraxe habilitados para avaliar grandes extensións de terreo e detectar árbores afectadas.
No programa participaron o director executivo da empresa galega, Jaime Pereira, e o técnico da compañía Patrik Foltyn, que se desprazaron a Huelva para mostrar o traballo das súas aeronaves, neste caso concreto facendo seguimento e localizacións de “seca”, que é unha praga de fungos invasores que está a poñer en risco as aciñeiras de todo territorio estatal, con toda a problemática económica e ambiental que isto carrexa para os sectores agrícola e gandeiro.
No transcurso do programa, Pereira e Foltyn mostraron as posibilidades dun dron e unha cámara multiespectral para facer unha rápida análise de terreo: tras percorrer a zona coa aeronave, os datos recollidos por esta son analizados por un potente software que detecta as árbores atacadas polo fungo e que non se poden salvar; aquelas que están afectadas pero aínda poden salvarse e as que aínda están sans. Unha vez realizada a análise, empregando os vehículos aéreos non tripulados poden aplicarse produtos que protexen as aciñeiras para que non sexan atacadas polo fungo.
Aerocamaras puido prestar este servizo utilizando o seu dron híbrido, en palabras da empresa “o multirrotor con meirande autonomía de voo do mundo, que ten capacidade para estar sete horas no aire”. Grazas ao uso desta aeronave, poden facerse seguimentos de grandes superfices sen a necesidade de realizar pausas para cambiar baterías. Amais, ten a capacidade de carrexar até 5 quilos de carga.

PUBLICIDADE