Afundación organiza unha charla con Juan Domingo Farnós sobre IA, educación e inclusión
martes, 14 de xaneiro do 2025
O investigador, divulgador e experto en elearning, educación, TIC e Intelixencia Artificial Juan Domingo Farnós será o encargado de inaugurar a programación do ciclo Educación Século XXI deste ano 2025, impulsado por AFundación (Abanca). Farao cunha conferencia na que dotará de coñecementos a estudantes e familias para facer unha boa elección da súa formación universitaria, tendo en conta as novas posibilidades e influencias de tecnoloxías como a Intelixencia Artificial.
Ofrecerá a charla O empoderamento da aprendizaxe na nova educación no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela o mércores 22 de xaneiro, pola mañá ás 11.00 h para público escolar e pola tarde, ás 19.00 h, para público xeral. O acceso é gratuíto pero é necesario reservar praza na web Ataquilla.com.
Segundo adianta o relator, os futuros estudantes universitarios necesitan apoderarse e coñecer o abano de posibilidades que se abren, as novas ferramentas tecnolóxicas que van necesitar no seu catálogo de competencias e habilidades, especialmente todo o referido á Intelixencia Artificial, “a cal vai determinar o futuro de polo menos tres cuartas partes da súa aprendizaxe e relación posterior co mundo laboral”.
Juan Domingo Farnós é investigador, comunicador e divulgador de aprendizaxe a distancia, educación, TIC, IA, evanxelizador da web 2.0 e considerado como unha das 10 persoas máis influentes do mundo en learning and technology. Foi proposto pola UNESCO como doutor honoris causa pola súa contribución en todo o mundo de maneira desinteresada e pola súa axuda xenerosa en temas de educación, tecnoloxías etc.
Traballou como docente con alumnado con necesidades educativas especiais cos que puido aplicar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e aspectos personalizados e de excelencia da escola inclusiva, sendo o primeiro docente en España que aplicou a Educación Inclusiva-TIC.
Foi o introdutor do concepto de E-learning-Inclusivo, empregando pola Universidade de Cambridge e polo Reino Unido. Trátase dun sistema moito máis participativo, aberto e baseado no alumnado.
Conta cun blog de investigación e divulgación científica con máis de 38.000.000 de visitas de todo o mundo, ademais de publicar numerosos libros de investigación e ser recoñecido nas edicións periódicas máis destacadas internacionalmente.