Age of Empires celebra os seus 25 anos cunha nova entrega

venres, 29 de outubro do 2021 Marcus Fernández

A serie de xogos de estratexia en tempo real Age of Empires, nacida en 1996, segue moi viva pese á súa lonxevidade, e estrea unha das súas entregas principais, Age of Empires IV, que está xa dispoñible na tenda de Microsoft, en Steam e tamén para subscritores de Xbox Game Pass para PC e Xbox Game Pass Ultimate.
Estamos a 16 anos de Age of Empires III, polo que este lanzamento é extraordinariamente importante para os amantes dos xogos de estratexia en tempo real, que agora poderán gozar dun título que conta con 8 civilizacións distintas, 4 campañas cativadoras, modo multixogador, escaramuzas (enfrontamentos contra a IA), vídeos desbloqueables, desafíos da Arte da Guerra (retos que axudan a perfeccionar habilidades) e moitos máis detalles que completan unha ambiciosa produción que manterá a moitos xogadores enganchados durante anos.
Con Age of Empires IV estamos ante un xeito magnífico de celebrar os 25 anos desta serie que na súa historia vendeu máis de 25 millóns de copias, pero que agora poderá chegar a máis público que nunca grazas á súa integración no Game Pass (que conta cuns 18 millóns de subscritores).

JPEG - 210.7 KB
Esta nova entrega mantén a esencia da saga, tirando proveito das posibilidades dos equipos actuais, polo que loce un grande nivel de detalle

Tráiler de lanzamento de Age of Empires IV

PUBLICIDADE