AidFork organiza unha xornada sobre identidade dixital e ciberseguridade

martes, 27 de xullo do 2021 S. P.

O centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, a través da súa iniciativa de análise forense (AidFork), organizou para este mércores 28 de xullo un seminario en liña aberto ao público no que afondar en diferentes temáticas relacionadas coa identidade dixital, a privacidade e a seguridade da información.
Digital Identity, Data Privacy & Authentication: A multifaceted overview é o nome deste seminario web que, segundo informou a Universidade de Vigo, reunirá “ás diferentes partes interesadas da industria, do ámbito académico e do ámbito gobernamental que desempeñan un papel clave na transformación dixital”.
Detrás da organización deste seminario está o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, integrado en AtlantTIC, e responsábel tamén de AidFork. O obxectivo deste evento é “amosar a necesidade de establecer colaboracións e xerar diálogo arredor da importancia de confiar na tecnoloxía multimedia”.
A xornada contará cunha mesa redonda aberta, que dará comezo ás 18 horas, na que participarán tres expertos con ampla traxectoria no ámbito da privacidade e da seguridade. Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) será a encargada de introducir aos poñentes da mesa, que enfocarán os temas desde diferentes perspectivas.
Fernando Pérez-González, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo e líder do grupo GPSC de AtlantTIC, abordará estas cuestións desde un punta de vista académico e de transferencia de coñecemento e tecnoloxía.
Por outra banda, Frederic Ly, responsábel no sur de Europa da empresa norteamericana Jumio, especializada en autenticación e verificación de identidade, ofrecerá a perspectiva de liderado na industria dixital.
Leonardo Cervera Navas, director da European Data Protection Supervisor (EDPS), a autoridade de protección de datos da Unión Europea, será outro dos convidados da mesa redonda. Cervera é responsábel de asesorar sobre lexislación e política de protección de datos, así como da coordinación e aplicación das estratexias e políticas da institución, e encargarase de aportar un enfoque institucional.
A xornada poderase seguir en streaming previo rexistro en liña.

PUBLICIDADE